
“Ser e voltar”, curtametraxe do socio Xacio Baño, seleccionada no Festival de Locarno

A curtametraxe de non-ficción “Ser e voltar” escrita e dirixida polo noso socio Xacio Baño concursará na sección Pardo di Domani do Festival Internacional de Cine de Locarno, un dos festivais que califican para os Oscars de Hollywood.
Esta é a primeira incursión do director e guionista no terreo da non-ficción tras a súa multipremiada curta de ficción “Anacos” que triunfou en festivais tan prestixiosos como Clermont-Ferrand, Shnit ou Las Palmas. “Ser e voltar” é un exercicio de estilo minimalista no que o autor, usando a metaficción como metáfora, trata de explicar aos seus avós en que consiste o seu oficio de cineasta. Esta curta contou en 2013 co apoio das Axudas ao Talento de AGADIC e tivo a súa estrea mundial no pasado Festival de Cans, onde gañou o premio de Mellor Curta de Imaxe Real.
Por terceiro ano consecutivo, unha obra galega é seleccionada no Festival Internacional de Cine Locarno, un hito que poucas cinematografías poden reclamar e que ven confirmar o crecente prestixio internacional do chamado Novo Cinema Galego. “Arraianos” (Eloy Enciso, 2012) e “Costa da morte” (Lois Patiño, 2013) que ademáis gañou o Premio ao Mellor Director Debutante, foron as longametraxes galegas seleccionadas en 2012 e 2013 respectivamente.
Más info na web oficial del Festival Internacional de Cine de Locarno.
Deixa unha resposta
Tes que iniciar sesión para publicar comentarios.