Contigo ou sen ti, o mundo móvese. E se ha de tomarse unha decisión que che vai afectar, sempre será mellor que participes dela. Dentro da individualidade persoal e creativa que define a cada guionista, existen uns intereses comúns que nos unen a todos. AGAG é unha ferramenta de representación deses intereses. A voz lexitimada para defendelos diante de institucións e organismos a nivel autonómico, pero tamén estatal, como integrantes de FAGA (Foro de Asociacións de Guionistas Audiovisuais), e mesmo europeo, como membros da FSE (Federación de Guionistas Europeos).
Canto maior sexa o número de guionistas que conforman AGAG, máis potente será a voz coa que nos fagamos oír. Canto maior sexa o número de guionistas que se adhiran, máis representativa será a Asociación da realidade do sector.
Xuntos, somos máis visibles.
Quen pode ser socio?
AGAG é unha Asociación Sindical dirixida a guionistas profesionais. Poden ser socios AGAG todos os guionistas galegos ou residentes en Galicia que teñan, como mínimo, unha obra audiovisual estreada en público. Enténdese como estrea pública a difusión aberta a espectadores a través de calquera forma de explotación. Quedan excluídas as plataformas xenéricas de internet tipo Vimeo ou Youtube.
Canto custa ser socio?
A cota de afiliación como SOCIO DE PLENO DEREITO é de 60 € ao ano.
O pagamento da cota realízase con cargo á conta corrente do socio e está dividido en dous prazos semestrais de 30€.
Como é o proceso?
Os pasos son os seguintes:
- Cubre o formulario desta páxina e pulsa “Solicitar”.
- Agarda a recibir unha notificación da Xunta Directiva co resultado da túa solicitude.
- En caso de ser admitido, terás que cubrir unha ficha de socio/a que che enviaremos ao teu email.
- Unha vez recibamos a ficha cumprimentada, serás socio/a AGAG de pleno dereito.