Víctor Pedreira, socio de AGAG, candidato ao novo Consello de Administración de DAMA
A entidade de xestión de dereitos de autor DAMA celebrará o próximo 23 de xuño a súa Asemblea Xeral Ordinaria, unha cita clave para as persoas socias na que, ademais da aprobación de distintos documentos relativos ao funcionamento da entidade e á repartición de dereitos, terá lugar a elección do novo Consello de Administración.
Entre as 16 candidaturas presentadas para ocupar os 15 postos do órgano directivo figura o guionista galego Víctor Pedreira, socio AGAG e unha voz destacada do panorama audiovisual galego e estatal.
Pedreira conta cunha ampla traxectoria profesional na escrita de ficción televisiva. Participou como guionista en series de gran repercusión como Vivir sin permiso, La cocinera de Castamar ou Entrevías. Ademais, é creador das miniseries La Ley del Mar, recoñecida con galardóns internacionais como o Premio Prix Italia e unha distinción no Festival de Montecarlo, e La Caja de Arena.
Nos últimos anos desenvolveu labores de coordinación de guión en producións de referencia como La Agencia, adaptación española do exitoso formato francés Call My Agent!. Actualmente atópase inmerso no desenvolvemento dun novo proxecto para HBO Max.
A presenza de Víctor Pedreira nesta candidatura supón unha importante representación do sector audiovisual galego nunha das principais entidades de xestión de dereitos do Estado. A súa experiencia profesional e o seu compromiso coa defensa da creación audiovisual en galego e noutras linguas oficiais converten a súa candidatura nunha oportunidade para reforzar a presenza da diversidade cultural e lingüística no ámbito da autoría audiovisual.
A Asemblea Xeral de DAMA celebrarase o 23 de xuño, con opción de participación presencial en Madrid e Barcelona, así como mediante voto anticipado, delegación de voto ou seguimento en directo por streaming para as persoas socias da entidade. Aqui tedes unha guía elaborada por Unión de Guionistas (anteriormente FAGA)