Revélanse os seis proxectos que integran as VII Titorías AGAG para Mulleres Guionistas
As creadoras seleccionadas contarán durante cinco meses co acompañamento de profesionais de referencia para desenvolver os seus proxectos e fortalecer a súa traxectoria no sector audiovisual.
A Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG) dá a coñecer os seis proxectos seleccionados para a VII edición das Titorías AGAG para Mulleres Guionistas, unha iniciativa que ten como obxectivo impulsar o desenvolvemento de novos proxectos e favorecer a presenza e profesionalización das guionistas no audiovisual galego.
Nesta edición participan sete creadoras, que traballarán os seus proxectos ao longo de cinco meses acompañadas por profesionais con ampla experiencia nos distintos ámbitos da escritura audiovisual.
As propostas seleccionadas son:
LONGAMETRAXE
- Cristina Yáñez, con Louxa, que contará coa titoría de Olga Osorio.
- Adriana González, con Gotelé, titorizada por Paula Cons.
SERIE
- Laura Porto, con Mourelle, cidade das artes, con titoría de Alberto Guntín.
- Alicia Rodríguez, con Mara 24/7, acompañada por Puri Seixido.
PROGRAMA DE TV
- Marta Doviro, con Quero ser sostible, titorizada por Víctor Grande.
DOCUMENTAL
- Paula Pez e Sara Traba, con O eco en contra, que contarán coa titoría de Marcos Nine.
O documental incorpórase ás Titorías AGAG
Unha das principais novidades desta VII edición é a incorporación do documental entre as modalidades dos proxectos seleccionados. Con esta ampliación, AGAG busca dar cabida á diversidade de formatos e linguaxes presentes na creación audiovisual contemporánea e ofrecer tamén ás autoras de non ficción un espazo específico de acompañamento e desenvolvemento profesional.
Ao longo do programa, as participantes terán a oportunidade de traballar en profundidade os seus proxectos, abordar aspectos creativos e profesionais e recibir orientación adaptada ás características de cada proposta.
As Titorías AGAG para Mulleres Guionistas forman parte do compromiso da asociación coa promoción da creación escrita por mulleres e coa consolidación dun sector audiovisual galego máis diverso e plural. A iniciativa pretende facilitar ferramentas para o desenvolvemento dos proxectos, favorecer o intercambio de coñecementos e contribuír a reforzar a presenza das guionistas nos diferentes ámbitos da industria.
A VII edición conta coa colaboración da Fundación SGAE, o Concello de Pontevedra e CIMA (Asociación de mujeres cineastas y de medios audiovisuales)