
Continuamos co servizo de Asesoría Xurídica gratuita para socixs grazas a DAMA

AGAG RENOVA O SEU COMPROMISO COA ASESORÍA XURÍDICA GRATUITA PARA GUIONISTAS GRAZAS Á COLABORACIÓN CON DAMA
A Asociación Galega de Guionistas (AGAG) reafirma o seu compromiso co sector audiovisual e cos profesionais do guión ofrecendo unha asesoría xurídica de calidade e de acceso gratuito. Grazas á colaboración con DAMA, os e as socias poderán resolver calquera consulta legal sen custos nin limitacións.
O servizo estará a cargo do avogado e guionista Ángel Manzano, quen porá a súa experiencia ao servizo das e dos profesionais do sector para garantir unha protección efectiva dos seus dereitos.
SERVIZOS OFRECIDOS
A asesoría xurídica proporcionará un amplo abano de servizos fundamentais para os guionistas, entre os que destacan:
- Redacción e revisión de contratos de cesión de dereitos de propiedade intelectual.
- Asesoramento legal en materia de propiedade intelectual e ante posibles incumprimentos contractuais.
- Apoio legal en negociacións contractuais para garantir condicións xustas e adecuadas.
- Elaboración de informes sobre as actuacións da asociación fronte ás institucións culturais autonómicas galegas.
- Descontos en servizos xurídicos para actuacións concretas ante Xulgados e Tribunais, Tribunais da Administración ou Cortes Arbitrais.
COMO SOLICITAR O SERVIZO?
As e os guionistas interesados poderán trasladar as súas consultas vía email á coordinación de AGAG a través do correo coordinación@guionista.gal. Desde alí, a consulta será remitida ao despacho correspondente, que se porá en contacto coa persoa interesada para tratar de resolver a cuestión exposta de forma totalmente gratuita.
SOBRE ÁNGEL MANZANO
Licenciado en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid, Ángel Manzano exerceu como avogado durante 11 anos, especializándose en materia civil e fiscal antes de dar o salto ao mundo audiovisual. Como membro da Xunta Directiva de AGAG, prestou apoio legal aos e ás socios en materia contractual antes de que a asociación contase con asesoramento xurídico oficial grazas á colaboración de DAMA.
Actualmente, como Presidente de FAGA (Federación de Asociacións de Guionistas Audiovisuais), participa en negociacións clave para o sector, como a Lexislación da IA, participando en reunións co Ministerio de Cultura para o desenvolvemento do Estatuto do Artista e en grupos de traballo da FSE (Federación de Guionistas Europeos), sempre coa defensa das e dos guionistas como prioridade.
Con esta iniciativa, AGAG reafirma o seu compromiso co sector e coa defensa dos dereitos dos e das profesionais do guión.