Seleccionados os seis proxectos que participarán na III Edición das Titorías AGAG para mulleres guionistas
A directiva da Asociación Sindical Galega de Guionistas ven de seleccionar os seis proxectos que a partir da vindeira semana serán titorizados durante cinco meses por varios profesionais de contrastado recoñecemento profesional no ámbito do cine e da televisión, titorías coas que se tenta potenciar o papel das creadoras dentro do audiovisual galego.
As Titorías AGAG para mulleres guionistas son unha iniciativa da Asociación Sindical Galega de Guionistas, en colaboración coa Fundación SGAE, que nace cos obxectivos de promover a presenza de mulleres guionistas no audiovisual galego, apostar polo novo talento feminino no eido do guión, asesorar e dar a coñecer os proxectos das creadoras galegas, de calquera idade, con e sen experiencia profesional.
Os traballos seleccionados e as súas autoras son os seguintes:
Na categoría longametraxe: “Cando chegue a revolución”, de Irene Pin; “Os nenos malos”, de Eire Cid; e “Ultreia”, de Susana Sampedro.
Na categoría serie: “Normal”, de Ángela Triana; “Fíos”, de Uxía Bereijo.
Na categoría de programas de televisión: “Grandes preguntas”, de Estíbaliz Veiga.
As persoas encargadas do asesoramento e acompañamento do proxecto durante o proceso de titorización son Alberto Guntín, Purificación Seixido e Paula Cons na longametraxe; Jacobo Díaz e Víctor Sierra nas series; e Rocío Barrio no s programas de televisión.
As titorías comezarán o vindeiro 14 de novembro e transcorrerán de maneira telemática durante 5 meses, tras os que se prevé organizar un pitching de presentación dos proxectos.
A Asociación Sindical Galega de Guionistas pretende con este proxecto de titorías apostar polas creadoras e poñer o seu gran de area na construción dun audiovisual máis diverso, plural e rico, dentro dun mundo no que as mulleres adoitan ser multitude nas aulas das titulacións audiovisuais, e sen embargo cunha presenza minoritaria nas salas de guión, e case nula nos postos de xefatura e coordinación