Reclamamos que as axudas ao desenvolvemento protexan tamén ás e aos guionistas
Hai xa uns días coñecemos as bases das axudas ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos publicadas por Agadic. Un ano máis, lamentamos que fosen aprobadas sen que se nos remitisen previamente o borrador para poder facer achegas e defender os intereses do colectivo de guionistas.
Entre as cuestións que quedaron sen atender estaba, por exemplo, a situación das series, onde a experiencia profesional das e dos guionistas continuou puntuando unicamente cando estas persoas figuraban como “creadoras”, ignorando a realidade do oficio. Hai cantidade de guionistas galegos que levan traballando moitos anos en ficción de TV pero sen ser creadores.
Con todo, a nosa principal preocupación foi a ausencia dunha garantía mínima de remuneración para o traballo de guión. Nas reunións mantidas con Agadic trasladárasenos que existía disposición para incorporar nas bases unha porcentaxe mínima da axuda destinada á persoa responsable do guión. Pero esa medida finalmente non apareceu na convocatoria.
Non estamos reclamando unha medida excepcional. Outras administracións públicas, como o Institut Valencià de Cultura ou o propio ICAA nas súas axudas á produción, xa incorporaron garantías mínimas de remuneración que protexen o traballo das persoas creadoras.
Esta situación resulta aínda máis preocupante se temos en conta que en Galicia xa non existe ningunha liña específica de axudas destinada á escrita de guión, tras a desaparición destas das axudas ao talento. Por iso, seguimos considerando imprescindible que as axudas ao desenvolvemento reserven unha porcentaxe mínima para remunerar o traballo de guión.
Tras a publicación das bases mantivemos unha nova reunión con Agadic para trasladarlles o noso malestar por esta ausencia e insistir na necesidade de introducir mecanismos que garantan unha remuneración digna para as e os guionistas. Nese encontro, Agadic comprometeuse a facer un seguimento estreito dos proxectos beneficiarios destas axudas para velar porque as persoas creadoras perciban a remuneración que lles corresponde polo seu traballo e o fagan en condicións dignas. Valoramos positivamente este compromiso e agardamos que se traduza nun control efectivo do destino das axudas e na protección real dos dereitos das e dos guionistas.
Se queremos un sector audiovisual forte, sostible e verdadeiramente creador, tamén é necesario protexer as persoas que escriben as historias.