Dous proxectos da MC de Creación e Escritura de Series gañadores do Pitching do Festival de Series Ría de Vigo
A Microcredencial de Creación e Escritura de Series da Universidade de Vigo, desenvolvida en colaboración con AGAG, acadou un destacado éxito na segunda edición do Pitching do Festival de Series Ría de Vigo, ao conseguir que dous dos proxectos presentados polo seu alumnado resultasen gañadores do certame.
Os proxectos Leda, de Cristina Pascual, Sergio Rodríguez e Lucía Malvido, e Impacientes, de Sara Varela, Miguel Fernández, María Costas e Xosé Holgado, foron recoñecidos polo xurado entre as 20 propostas participantes, poñendo de manifesto a calidade creativa e o potencial profesional das iniciativas xurdidas no marco desta formación especializada.
A colaboración entre a Universidade de Vigo e AGAG consolídase así como unha aposta de referencia para a profesionalización da escrita audiovisual en Galicia, favorecendo a conexión entre o ámbito académico e a industria.
Os premios obtidos constitúen un importante impulso para o desenvolvemento futuro destes proxectos e reforzan o papel da MC de Creación e Escritura de Series como espazo de referencia para a formación de guionistas e creadoras e creadores de ficción seriada en Galicia.