Pontevedra acolle o pitching das Titorías AGAG para impulsar o talento das mulleres guionistas
A cidade de Pontevedra converterase o vindeiro sábado 16 de maio nun punto de encontro clave para o talento audiovisual galego coa celebración do Pitching das Titorías AGAG, unha iniciativa centrada en dar visibilidade e apoio ás mulleres guionistas.
O evento terá lugar na Casa da Luz a partir das 10:30 horas e contará coa participación de representantes da Asociación Galega de Guionistas (AGAG), así como co apoio institucional da Xunta de Galicia a través das subvencións a laboratorios, residencias e incubadoras audiovisuais da Axencia Galega das Industrias Culturais, a Fundación SGAE, CIMA (Asociación de mulleres cineastas e dos medios audiovisuais) e o Concello de Pontevedra.
Durante o pitching presentaranse un total de seis proxectos: dous de cine, dúas series e dous programas de televisión. Todos desenvoltos no marco destas titorías.
Na categoría de longametraxe participa Paula Sanmartín Juncal, co proxecto Roi (titorizado por Paula Cons), e Antía Rodeiro Maseda, con Lorzas (titoría de Araceli Gonda).
No ámbito das series, Sinfonía do extrarradio, de Diana Longa Collazo (titoría de Alberto Guntín), e O desterro, de María Fernández Ache (titoría de Lidia Fraga).
Na categoría de programas de televisión, Xulia Lomba Fernández presenta Fóra (titoría de Inés Colmeiro), mentres que Adela Martínez Muíños e Paula López Villamor defenden O xornal (titoría de Óscar Cruz).
O encontro contará ademais coa presenza de diferentes produtoras convidadas, entre as que se atopan CTV, Cósmica Produccións, Matriuska, Artyc ou Brava, representadas por profesionais destacadas do sector como Alba Araujo, Nati Juncal, Elena G. Román, Daniel Froiz, Tania Vila, Bea Villar ou Cristela Torres.
Este pitching supón unha oportunidade única para conectar talento emerxente con produtoras e favorecer a posta en marcha de novos proxectos audiovisuais en Galicia, reforzando o papel das mulleres na creación de contidos.