Así foi o peche da MC de escritura de series da Uvigo en colboración con AGAG
Finaliza a microcredencial de “Creación e escritura de series”, da Universidade de Vigo co apoio de AGAG, tras un pitch o 29 de abril en Pontevedra.
O programa, de 150 horas, ofreceu unha formación integral en todas as fases da creación de ficción seriada: desde a conceptualización e o desenvolvemento de personaxes ata a escrita de secuencias, a elaboración da biblia e o pitching profesional. O curso contou cun equipo docente formado por profesionais en activo como Alberto Guntín, Lidia Fraga ou Ángel Manzano, o que permitiu ao alumnado traballar con metodoloxías propias da industria, incluíndo dinámicas de writers’ room e desenvolvemento colaborativo.
Desde AGAG valoramos especialmente o enfoque práctico e profesionalizante da microcredencial, así como o seu sistema de avaliación, centrado maioritariamente no desenvolvemento dun proxecto real de serie e na súa presentación final. A formación combinou creatividade, traballo en equipo e coñecemento do contexto audiovisual actual, ofrecendo unha experiencia moi próxima á realidade laboral.
No peche do presentáronse cinco proxectos desenvolvidos ao longo da formación: Ribadavia 43, de Laura Porto e Chema Fernández; El color beis, de Eire Cid, Noelia Papín e José Castiñeira; Impacientes, de María Costas, José A. Fernández Holgado, Miguel Fernández e Sara Varela; Leda, de Cristina Pascual, Lucía Rodríguez e Sergio Rodríguez; e Proyecto Resurrección, de Gonzalo Suárez e Elena Gallego. No evento participaron profesionais do sector como Montse Besada (TVG), Enrique Lojo e Araceli Gonda (guionistas socios de AGAG), así como Alberto Arruty (Ficción Producciones), que achegaron a súa visión e feedback ao alumnado.
A microcredencial, enmarcada no Plan de Desenvolvemento de Microcredenciais Universitarias e financiada pola Xunta de Galicia, destacou tamén pola súa accesibilidade, facilitando a participación de persoas maiores de 25 anos sen necesidade de experiencia previa, pero cun proceso de selección baseado en criterios creativos e motivacionais.
Esta colaboración reforza o compromiso de AGAG coa formación, a profesionalización e o impulso de novas voces no ámbito do guión audiovisual en Galicia.