Novo estudo sobre ‘A profesión de guionista en España’
O Instituto Universitario de Cine Español da Universidade Carlos III de Madrid, baixo a dirección de Concepción Cascajosa, vén de presentar un estudo pioneiro sobre a situación dos guionistas en España. O traballo foi impulsado a principios de 2024 por ALMA, DAMA, FAGA (da que forma parte AGAG) e a Fundación SGAE.
O informe radiografía unha profesión en transformación, marcada pola chegada do streaming, os novos modelos de produción e as desigualdades persistentes en cuestións como o xénero, os ingresos ou a distribución territorial.
Galicia, 4º no número de residentes guionistas
Galicia supera lixeiramente a Andalucía e Euskadi, situándose como a cuarta comunidade con maior número de guionistas, aínda que moi por detrás dos dous grandes centros de produción: Madrid (54,7%) e Cataluña (19,8%).. A pesar de que o noso país mantén certa proporcionalidade entre número de guionistas e tecido audiovisual (4,2 % das empresas), as oportunidades seguen sendo escasas.
Os profesionais galegos centran o seu traballo sobre todo en series (62,5 %) e cine (41,7 %), o que mostra unha clara aposta pola ficción. Tamén se detecta unha tendencia xeral á diversificación, combinando a escrita con outras tarefas no sector audiovisual. Algo que ven marcado pola precariedade do sector.
Condicións precarias e pouca visibilidade
O estudo tamén revela datos preocupantes sobre as condicións laborais:
- Un 45,3 % dos guionistas denuncia ser invisibilizado en promocións, festivais ou actos públicos.
- 4 de cada 10 compañeiras sufriu algún tipo de situación de acoso (sexual ou discriminación laboral).
- Son frecuentes os incumprimentos do convenio colectivo, sobre todo na televisión.
- Máis da metade traballa como autónomo exclusivo, e no cine esta cifra alcanza o 60,4 %.
- Un 58% dos e das guionistas cobra menos de 30.000 euros anuais (un 23,5% menos de 10.000 incluso)
A análise deixa claro que existe un grave problema de centralización, o que xenera unha homoxeneización das obras e dificulta o aceso ao sector a persoas sen recursos económicos (o principal modo de ingreso son os másteres e os cursos de especialización nun 58%). E tamén sinala un reto: crear máis oportunidades desde Galicia para que o talento non teña que marchar fóra.