
Nova web

Na Asociación Sindical Galega de Guionistas estamos de estrea. Á recente constitución como sindicato engádese unha remodelada imaxe corporativa e aposta en marcha dunha nova páxina web.
Este portal ten como obxectivo servir de escaparate para AGAG e os seus socios, un altavoz dende o que dirixirse á industria pero tamén unha ferramenta que poida ser de utilidade para os profesionais da escrita audiovisual do país.
Nesta liña, un dos puntos máis significativos é o apartado de “Guionistas”. Trátase dun directorio de socios onde estos, a través dunha ficha, poderán amosar a súa vida e obra. Non é tan só unha ventá para ensinar o traballo ou un mero listaxe de afiliados, senón tamén unha vía de contacto entre os guionistas e aqueles que queiran facerse cos seus servizos.
A funcionalidade práctica da páxina esténdese a través de distintos materiais que poden resultar útiles para os socios. Dende ligazóns de interese, estudos e informes que analizan o estado actual do sector, ata os convenios colectivos ou os propios estatutos da asociación.
A esta escolma hai que sumar as promocións que a Asociación Sindical Galega de Guionistas ten establecido con entidades como o Filmarket Hub, a Xestoría Carril ou Castelao Avogados. Descontos e facilidades das que calquer socio pode beneficiarse e cuxa información tamén se pode atopar no novo portal.
Doutra banda, a nova páxina web tamén terá conta de tódolos pasos desenvolvidos por AGAG. Clases maxistrais, obradoiros, sesións de formación… a cobertura sobre os eventos da asociación poderá atoparse no apartado de “Actividades”. Alí poderemos informarnos sobre o que está por vir, mergullarnos nun arquivo con tódalas propostas formativas que tivemos, coñecer as colaboracións da asociación con outras actividades como o Conecta ou o Encontro de Guionistas ou saber máis sobre os patrocinios que se establecen con determinados festivais.
Pero para coñecer mellor a nova web, o máis propicio non deixa de ser perderse por ela. Convidámosvos a todos a que lle botedes un ollo. Se xa sodes socios, calquer consideración será ben recibida, e se non o sodes, agora na nova web tamén tedes un formulario de inscipción. Afilíadevos e Make AGAG Great Again.
Deixa unha resposta
Tes que iniciar sesión para publicar comentarios.