Lúa García, Mª Inés Cuadrado e Alberto Guntín, gañan con Acotío o “IV Premio Daniel Domínguez de guión en galego”
Lúa García, Mª Inés Cuadrado e Alberto Guntín, gañan con Acotío o “IV Premio Daniel Domínguez de guión en galego”. Os outros guións finalistas foron Abellón de Fon Cortizo e Resurrection de Ángela Andrada e Fernando Tato.
O guión Acotío, escrito por Lúa García, Mª Inés Cuadrado e Alberto Guntín, é o gañador do IV Premio Daniel Domínguez de guión en galego, organizado pola Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG), co apoio de Fundación SGAE, a colaboración de Filmarket Hub e o patrocinio da Xunta de Galicia. Os outros finalistas foron Abellón de Fon Cortizo e Resurrection de Ángela Andrada e Fernando Tato.
O xurado formado por Sara Gómez, Ángel Manzano e Víctor Grande, integrantes da Xunta Directiva de AGAG, decidiron por maioría conceder o premio a Acotío “pola súa sensibilidade á hora de abordar temas tan delicados como a perda e a súa construción de personaxes que zumega verdade.”
O acto contou para a entrega de premios con Víctor Sierra, representante do consello territorial da SGAE, e Jacobo Sutil, director de AGADIC.
Lúa García, Mª Inés Cuadrado e Alberto Guntín recibirán o premio de 2.000€ por Acotío como guión gañador do IV Premio Daniel Domínguez de guión en galego 2022, amais dunha subscrición gratuíta ilimitada ao mercado online da plataforma Filmarket Hub. Os finalistas Fernando Tato, Ángela Andrada e Fon Cortizo terán tamén o accésit da subscrición a Filmarket Hub.