III Premio Daniel Domínguez de guión en galego
O guión A illa da morte, escrito por Paula Mariñas, é o gañador do III Premio Daniel Domínguez de guión en galego, organizado pola Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG), co apoio de Fundación SGAE e a colaboración de Filmarket Hub. Os outros finalistas foron A vella e a morte, escrito por Abel Alves, e O rumbo das baleas, de José Veiga.
O xurado formado por Sara Gómez, Ángel Manzano, Jacobo Díaz e Óscar Cruz, integrantes da Xunta Directiva de AGAG, decidiron por maioría conceder o premio a A illa da morte “pola súa atractiva combinación de xéneros no marco dun episodio da nosa Historia que enlaza co momento actual, abordando temas como a inmigración, o racismo ou a identidade de xénero.”
Paula Mariñas recibirá o premio de 2.500€ por A illa da morte como guión gañador do III Premio Daniel Domínguez de guión en galego 2021, amais dunha subscrición gratuíta de 6 meses ao mercado online da plataforma Filmarket Hub. Os finalistas Abel Alves e José Veiga terán o accésit da subscrición a Filmarket Hub.