II Encontro de mulleres do audiovisual galego organizado por AGAG
Este mércores 18 ás 18:00h temos cita cun novo encontro de mulleres do audiovisual galego, que se poderá seguir en directo a través da canle de YouTube de AGAG.
A sesión reunirá a cinco profesionais de distintos ámbitos do sector para compartir experiencias, falar do seu traballo e reflexionar sobre os retos e oportunidades dentro da industria audiovisual. Participan:
- Alicia Francés, directora de fotografía.
- Lourdes Rodríguez, montadora.
- Alba Pego, sonidista.
- Beatriz Legerén, guionista e creadora de videoxogos.
- Elba Fernández, compositora e deseñadora gráfica.
- Moderada pola guionista Clara Coira
Unha conversa aberta que permitirá coñecer mellor os distintos oficios que forman parte do audiovisual e escoitar en primeira persoa as traxectorias destas traballadoras do audiovisual galego.
AS PROFESIONAIS PARTICIPANTES NO ENCONTRO
Clara Coira é guionista de series e películas. Formouse no Máster de guion de ficción para cine e televisión da UPSA e comezou a súa andaina audiovisual no departamento de produción, en curtamentraxes e longamentraxes como como ‘Eroski Paraíso’, ‘Beiras.Vivir2Veces’ e ‘O corpo aberto’. No departamento de guion, traballou nas series ‘Rapa’, ‘La canción’, ‘Ardora’ e ‘Ágata y Lola’.
Alicia Francés é directora de fotografía. Formouse na escola Orson The Kid e no Instituto del Cine de Madrid. Comezou como operadora e axudante de cámara en TV, documentais e ficción. Dende 2020 traballa como DP en series e filmes como El Caso Asunta e As Neves. En 2025 rodou a súa segunda longametraxe documental Kiro e a longametraxe de ficción con título provisional O Segredo das Vacas.
Lourdes Rodríguez é montadora audiovisual con máis de 20 anos de experiencia, especializada en ficción para televisión e cine. Traballou en producións galegas como Matalobos ou Serramoura (TVG) e en series internacionais como Senna para Netflix. Entende a montaxe como unha última escrita do guión, proceso creativo que especialmente goza.
Alba Pego editora de son, foley artist e técnica de son directo. Fórmase en Comunicación Audiovisual na USC e especialízase en son da man de David Machado. Participou en producións como As Neves, Operación Marea Negra, Punto Nemo, Honor ou Weiss & Morales.
Beatriz Legerén é doutora en Comunicación Audiovisual e investigadora no ámbito dos Games Studies. Estuda o deseño de produtos de entretemento interactivo —regras, mecánicas, tecnoloxía e narración— e o seu uso máis alá do ámbito lúdico. Coordina o Grupo de Investigación Videojogos-Narrativa, Persuasión e Creatividade da Universidade de Vigo.
Elba Fernéndez dedícase á composición musical e ao deseño gráfico para o ámbito audiovisual. Creou proxectos musicais como Mordem, presente na banda sonora da serie Hierro. Traballa con Xavi Font en música para series e filmes e actualmente compaxina a composición co deseño de posters, cabeceiras e dossieres a través da súa marca Klippa Studio.