II edición do curso “Do guión á rodaxe”
A Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG), organiza o curso de interpretación “Do guión á rodaxe”, tralo éxito recollido na primeira edición. Dirixido a actores, actrices, guionistas e directores/as; o taller realízase co fin de atopar un espazo común de comunicación e traballo dende os tres puntos de vista.
Os obxectivos do curso
Actores, actrices, guionistas e directores/as traballan dentro da mesma maquinaria: a industria do cine, o teatro ou a televisión. E, a pesar disto, ás veces falan idiomas moi distintos. Impartido polo noso socio Fernando Tato, actor, director e guionista; “Do guión á rodaxe” busca romper esa burbulla e que cada departamento aprenda dos seus respectivos compañeiros e compañeiras.
GUIONISTAS: aprenderán a construír personaxes con máis trasfondo, e afinarán a escrita de diálogos ao facilitárselles traballar en contacto con actores e directores.
ACTRICES E ACTORES: aprenderán a técnica. O adestramento é unha maneira de perfeccionar o seu instrumento: voz, corpo e emocións.
DIRECTORAS/ES: mellorarán a súa dirección ao descubrir a técnica e as ferramentas dos actores, e aprenderán a comunicarse con eles nun mesmo idioma.
O curso terá lugar na Sala Materna en Santiago de Compostela os días 13 e 14 de xullo (de 10:00 a 20:00) contando coa colaboración da Asociación de Actores e Actrices de Galicia AAAG e CREA.
Fernando Tato
É actor, director e guionista. Profesor de interpretación en Adestramento Actoral FT dende 2018, pola súa Escola pasan máis de 60 alumnos e alumnas cada curso.
Fernando combina a súa carreira de actor (Pulsaciones, Lobos e cordeiros, O faro, Hotel Almirante…) coa dirección e escrita de proxectos como Compañeiros (Mellor Curtametraxe Galega 2022 en CURTAS Festival do Imaxinario), A Entrevista (Primeiro Premio Faro de Plata no Festival de Cine l’Alfàs del Pi, preseleccionado para os GOYA, Premio do Público no Festival de Cine Inclusivo de Vigo, Finalista Premios Mestre Mateo 2023), Fracturas (Finalista Mestre Mateo 2022, Premio Best Foreign Slasher Short no Fright Night Film Fest de Shelbyville e 1st Runner Up no Hardcore Horror Fest de Illinois), ou El Jefe (Finalista Premios Mestre Mateo 2020, premio no Festival de Cine de Zaragoza), entre outros.
O seu guión de longametraxe, Adeus, Berta gañou a vixésima edición do Premio de Guión para Longametraxe Julio Alejandro. O fin da verdade, foi o gañador do Premio Daniel Domínguez de Guión en Galego 2020 e Preseleccionado en Tinta Oscura, Concurso de guión de cine e fantástico e de terror de Blood Window e Ventana Sur; Resurrection foi Finalista do mesmo Premio en 2022.
As modalidades de pago son as seguintes:
- 110€ para as persoas socias de AAAG, AGAG e CREA
- 130€ Público xeral
Formalización de matrícula:
Envíanos os teus datos cubrindo o Formulario curso “Do Guión á rodaxe”
Máis información no teléfono 620563617 e no correo electrónico de AGAG: coordinacion@guionistas.gal