Guionistas e directoras/es reafirman sinerxías no Conecta 2025
O Conecta 2025 celebrouse o pasado sábado 8 de novembro na Sede da Fundación SGAE en Santiago de Compostela, converténdose un ano máis nun espazo clave para o encontro e o diálogo entre guionistas e profesionais da dirección. Dende a Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG), colaboradores no evento, valoramos moi positivamente tanto a participación como o ambiente de intercambio creativo que se viviu ao longo da xornada.
O obxectivo principal do Conecta —poñer en contacto creadoras e creadores de diferentes perfís para compartir proxectos, recibir feedback e atopar posibles compañeiras/os de viaxe— cumpriuse con creces. A dinámica das reunións un a un favoreceu conversas produtivas e un ton de traballo moi próximo, no que se combinou profesionalidade e espírito colaborativo.
Participaron tanto guionistas e directoras/es consolidados como estudantes e persoas que están a dar os seus primeiros pasos na industria. A diversidade de enfoques e o interese por parte de todas as persoas asistentes confirmaron o valor dun evento que aposta pola conexión e o diálogo entre disciplinas creativas.
A sesión de tarde completouse cunha charla profesional sobre o tratamento, na que participou Lidia Fraga, socia de AGAG, e Olga Osorio.
Dende AGAG agradecemos a CREA a organización deste encontro, así como o apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), da Fundación SGAE e de todas as persoas que fixeron posible unha nova edición dun evento que consolida a súa utilidade como punto de encontro esencial para o sector audiovisual galego.