FAGA evoluciona a UNIÓN DE GUIONISTAS
UNIÓN DE GUIONISTAS É MÁIS QUE UN MERO CAMBIO DE NOME: É UNHA FOLLA DE RUTA CARA NOVOS TERRITORIOS PARA GUIONISTAS QUE PRECISAN REPRESENTACIÓN E APOIO.
En FAGA damos un paso adiante para converternos en Unión de Guionistas. Xa non somos o mesmo que fomos cando nacemos en 2007; agora somos iso e todo o que construímos desde entón.
Actualmente, somos a única asociación de guionistas do Estado que traballa e ten implantación a nivel autonómico, e ao mesmo tempo representa ás guionistas e aos guionistas diante das institucións do Estado e das institucións europeas. Isto non é casualidade: é moito máis probable que o teu goberno autonómico convoque axudas á escritura de guións se existe un sindicato ou asociación de guionistas forte na túa rexión. Non é arbitrario que haxa axudas á escritura en Valencia, Euskadi ou Cataluña.
Nos últimos cinco anos medramos un 40 %. Para nós, ese crecemento non é só unha cifra: é unha responsabilidade. Impúlsanos a seguir ampliando territorios, a guiar compañeiras e compañeiros de distintas comunidades autónomas para que poidan crear as súas propias asociacións profesionais, funcionais desde o minuto cero e con representación real a nivel rexional, nacional e internacional. Así naceu CINA en Andalucía, e así queremos seguir medrando: sumando, conectando, fortalecendo.
Tamén consolidamos a nosa presenza en Europa, formando parte do Comité Executivo da FSE (Federación Europea de Guionistas). Porque as decisións que afectan ao noso traballo non entenden de fronteiras, e a nosa voz ten que estar aí onde se toman.
Unión de Guionistas é, precisamente, iso: unión. Unha rede que conecta territorios, linguas, realidades e formas de contar. Unha organización que cre na diversidade cultural como unha riqueza irrenunciable, e que defende esa diferenza fronte a calquera intento de homoxeneización, veña de onde veña.
Pero hai algo que non cambia.
Seguimos sendo o que fomos desde o principio: unha asociación creada para defender as persoas guionistas e os seus intereses, máis alá de calquera fronteira.
Cambiamos de nome porque maduramos
Porque somos máis.
Porque chegamos máis lonxe.
Porque xa somos, de feito, unha Unión.