FAGA realiza unha análise do novo informe do Observatorio Audiovisual Europeo: “Guionistas e directores de cine e ficción para TV/SVOD”
O Observatorio Audiovisual Europeo publicou o informe “Writers and directors of film and TV/SVOD fiction – 2015-2024 figures”, no que se analizan case 39.000 guionistas e directores que participaron en películas para salas e en obras de ficción destinadas a televisión e plataformas SVOD producidas en Europa entre 2015 e 2024. O estudo ofrece unha visión detallada sobre a evolución da autoría audiovisual europea, os perfís profesionais e a súa presenza nos distintos mercados. A partir destes datos, FAGA realizou unha análise propia dos resultados, co obxectivo de interpretar o impacto destas tendencias no eido do guión e contribuír ao debate sobre as políticas de apoio á creación e á diversidade cultural.

Máis de 31.500 profesionais exclusivamente guionistas (co)escribiron polo menos unha película para cine ou unha ficción para televisión/plataforma entre 2015 e 2024.
Aínda que cada ano houbo máis guionistas en activo no cine que na ficción para televisión/plataforma, se se analiza o período total 2015-2024, o número de guionistas diferentes que participaron na ficción para televisión/plataforma foi menor que no cine, o que suxire que os guionistas de televisión/plataforma traballaron con máis frecuencia.

Só o 10 % de todas as e os guionistas en activo entre 2015 e 2024 traballaron tanto para cine como para televisión/plataforma.

Case a metade das e dos guionistas de cine en activo entre 2015 e 2024 só (co)escribiron películas que tamén (co)dirixiron…
…pola contra, as e os guionistas de ficción en activo en televisión/plataforma escribiron principalmente obras que non dirixiron.

Obsérvase unha situación moi contrastada entre a escrita para cine e a escrita para ficción televisiva/plataforma: só o 15 % das e dos guionistas de ficción televisiva/plataforma de 2015 estiveron inactivos/as entre 2016 e 2024, fronte ao 43 % das e dos guionistas de cine de 2015.

Case dous terzos dos traballos de guionistas procedían de series de ficción para televisión e plataforma.
Os traballos de guionistas para televisión e plataforma experimentaran un crecemento máis rápido que os traballos para cine desde 2015, pero as últimas cifras parecen indicar agora unha caída xeneralizada dos traballos de guionistas tanto para cine como para series de ficción para televisión e plataforma.

De media, houbo 1,8 guionistas por película entre 2015 e 2024 (0,9 se se exclúen as e os guionistas que tamén dirixiron).

De media, houbo 4 guionistas “únicos” por proxecto de ficción para televisión/plataforma entre 2015 e 2024.
Houbo 1,9 guionistas “únicos” por película para televisión/SVOD, é dicir, un número similar ao das películas para cine, pero con menos casos de guionistas que tamén exerceron labores de dirección.
5,4 guionistas participaron na escrita de series de televisión.
