Comunicado de FAGA respecto ao art. 13 do RD1435/1985 sobre o uso da IA xenerativa
Finalizado o prazo de alegacións ao RD 1435/1985, compartimos a postura de FAGA sobre o art. 13 e o uso da IA xerativa na relación laboral artística. Un comunicado detallado no que explicamos as nosas preocupacións, propostas e liñas vermellas para protexer os dereitos das e dos guionistas. Seguimos traballando para que a normativa garanta un uso ético e xusto da IA, sempre coas persoas creadoras no centro.
CONSIDERACIÓNS DE FAGA Á PROPOSTA DO REAL DECRETO DE RELACIÓN LABORAL ESPECIAL ARTÍSTICA SOBRE O USO DA IA XERATIVA
FAGA – Foro de Asociacións de Guionistas Audiovisuais, á vista da redacción proposta para o uso da Intelixencia Artificial Xerativa no marco da relación laboral especial artística, desexa facer as seguintes consideracións (e que así foron expostas en tempo e forma durante o período de audiencia pública):
DEFENDEMOS A AUTORÍA: AS PRODUCTORAS NON DEBEN MODIFICAR OS NOSOS GUIÓNS CON IA.
Primeira.- Resulta cando menos chamativo que en xullo de 2025 a proposta presentada polo Ministerio de Traballo recollese que non se deduciría «da natureza ou obxecto do contrato nin formaría parte da actividade contratada a utilización pola empresa ou a súa cesión a terceiros dos resultados da actividade contratada (no caso do noso sector, os materiais de desenvolvemento ou escritura de guións) para replicalos ou xeralos mediante sistemas de intelixencia artificial xerativa», e que na última versión presentada —e que tememos será finalmente aprobada— o artigo 13 do RD proposto acepte con total normalidade que o uso dos devanditos sistemas poida levarse a cabo polas empresas contratantes «sempre que (…) se limite ao obxecto do dito contrato e estea circunscrito á obra ou, de ser o caso, ás obras para as que este se realizou, incluíndo a súa explotación e promoción».
Descoñecemos a que se debe este retroceso na defensa dos dereitos das e dos creadores. Pasamos de marcar como principio normativo que a IA xerativa só podería usarse con excepcións a que a excepción sexa que se use fóra do obxecto do contrato. Ou, dito doutro modo: a proposta permite que unha produtora edite, manipule, reescriba… modifique en definitiva o traballo dun ou dunha guionista contratada sempre e cando esa modificación se cinga exclusivamente á temporada para a que foi contratado/a. Polo tanto, se ben se prohibe que os guións entregados polas persoas autoras contratadas sirvan para seren replicados en posteriores temporadas ou seren adaptados para un novo produto audiovisual, séguese permitindo que unha produtora contratante utilice a intelixencia artificial xerativa para alterar, modificar, editar ou reescribir o traballo das persoas guionistas, co potencial risco dunha asimilación indebida da autoría (e a conseguinte perda de dereitos de autor para o ou a traballadora).
ESIXIMOS QUE A NOSA OBRA NON SEXA CEDIDA NIN EMPLEADA PARA ADESTRAR MODELOS DE IA.
Segunda.- Independentemente de que os dereitos patrimoniais son cedidos cando unha persoa é contratada para a escritura dun guión, e de que dentro deles se recollen os de reprodución e transformación, a desaparición explícita do concepto de «consentimento» coloca as e os guionistas nunha posición de debilidade fronte á parte contratante.
De feito, incluír a «explotación e promoción da obra» —ademais de atacar a seguridade laboral doutros postos do sector audiovisual, como son as persoas tradutoras e deseñadoras gráficas— abre a porta a que as produtoras contratantes poidan, sen necesidade de solicitar o consentimento do ou da traballadora guionista, ceder as obras audiovisuais a empresas de IA xerativa para o adestramento dos seus modelos. Suposto que, evidentemente, choca de maneira frontal coa defensa dos dereitos e intereses das e dos creadores.
E todo iso de maneira imposta ao ou á guionista contratada, sen percibir ningún tipo de compensación económica específica pola utilización de intelixencia artificial xerativa sobre o seu traballo, limitándose aquel e aquela a aceptar que a produtora poida facelo porque se limite ao obxecto do contrato e estea circunscrito á obra…
A AMBIGÜEDADE DA NORMA AMEAZA A AUTORÍA DAS PERSOAS GUIONISTAS
Terceira.- É evidente —como recolle o apartado a) do punto segundo do artigo mencionado— que non se pode eliminar a participación dunha persoa artista e/ou autora nunha obra. Doutro modo, non se defenderían os dereitos morais e patrimoniais das e dos creadores (defensa que o Preámbulo do texto se encarga de lembrar). Pero, a efectos prácticos, de pouco serve que se marquen nese punto uns límites tan amplos e xerais se se supeditan á palabra «significativamente». Esa indefinición non ofrece seguridade para o e a traballadora guionista no caso de que unha produtora contratante decida modificar ou reescribir os materiais escritos que presente. Porque, ata que punto unha modificación é «significativa»? Como se mide a importancia dos cambios que poida realizar unha intelixencia artificial xerativa sobre un guión? Deben acudir as e os traballadores ao xulgado do social —os cales non están especializados no ámbito creativo— para que dirima se determinada reescritura sobrepasou os límites do significativo?
DENUNCIAMOS UNHA PROTECCIÓN APARENTE QUE NON BLINDA AOS CREADORES
Cuarta.- Ademais, e ante a ausencia dunhas medidas de control específicas, concretas e obxectivas, o borrador formula dous escenarios: a adopción de medidas adicionais mediante convenio colectivo —situación que, a día de hoxe, resulta case imposible, tendo en conta que os sindicatos e asociacións profesionais de guionistas carecen de representatividade sindical real— e a posibilidade de que o ou a traballadora rexeite por escrito dentro do seu contrato laboral o uso de intelixencia artificial para a xeración de contidos, formulación que non se axusta á realidade do sector nin ofrece unha solución aos posibles conflitos que poidan xurdir arredor do uso da IA xerativa pola parte contratante, xa que:
1.- Por un lado, porque ese rexeitamento do ou da traballadora produciríase «sen prexuízo dos supostos previstos nos apartados primeiro e segundo» do artigo 13 do borrador. Isto é: se a produtora decide refacer os materiais escritos da persoa guionista contratada, esta non poderá facer absolutamente nada para evitalo, xa que a nova norma ampara a patronal para usar a IA co fin de xerar novo contido.
2.- E, por outro, porque traslada á parte débil da relación laboral a responsabilidade de conseguir que a empresa contratante respecte os seus dereitos na negociación do contrato. Desgraciadamente, a figura do e da guionista no noso país, e en concreto na nosa industria audiovisual, está totalmente minusvalorada, malia os nosos enormes esforzos e os das e dos compañeiros de ALMA por convencer do contrario. De aí que, salvo contadísimas excepcións, o e a traballadora guionista deberá asumir todos os compromisos e requirimentos da produtora contratante, so risco de non ser contratado/a.
Por todo o anterior consideramos que, en aras da defensa dos dereitos das e dos creadores, debería introducirse un engadido —o cal, se ben desde FAGA o diriximos ás e aos guionistas, pode redactarse a favor das persoas artistas e autoras en xeral— que sexa coherente cos dereitos morais (en especial, o de respectar a integridade da obra) e coa lexislación de propiedade intelectual, así como cos obxectivos de non substitución encuberta e transparencia que recolle a normativa de regulación da IA:
«No caso da creación da obra escrita ou do guión, o uso de sistemas de intelixencia artificial xerativa non poderá dar lugar, sen acordo expreso formalizado por escrito e con compensación económica diferenciada, á reescritura, xeración substitutiva ou modificación dos textos achegados pola persoa autora nin á súa utilización como material de adestramento dos modelos de intelixencia artificial».