Chega a sexta edición das Titorías AGAG para mulleres guionistas
Aberta a convocatoria da sexta edición das Titorías AGAG, un programa de asesoramento creativo e profesional dirixido a mulleres guionistas que escriben en galego. A iniciativa, en colaboración coa Fundación SGAE e a Axencia Galega de Industrias Culturais, consolídase como un espazo clave para o desenvolvemento de proxectos e a incorporación de novas voces femininas ao sector audiovisual.
As titorías desenvolveranse entre outubro de 2025 e febreiro de 2026, e ofrecerán seguimento profesional durante cinco meses a seis guionistas seleccionadas nas categorías de longametraxe, serie ou programa de televisión. Cada participante contará co apoio dunha persoa de ampla traxectoria, que titorizará o proxecto.
A convocatoria está aberta a mulleres maiores de idade que presenten proxectos inéditos, orixinais, escritos en galego e sen subvencións ou premios previos. Poderán inscribirse individualmente ou en coautoría con outras mulleres. O prazo para enviar propostas estará aberto do 1 ao 15 de setembro de 2025, a través do formulario en liña dispoñible na web de AGAG.
Na selección valorarase especialmente a calidade dos proxectos e a diversidade de perfís. Como en edicións anteriores, mínimo o 50 % das seleccionadas serán menores de 30 anos, con vinculación acreditada ao sector audiovisual galego.
Grazas á colaboración entre AGAG e a asociación CIMA, as participantes terán acceso a unha actividade formativa en guión organizada por CIMA durante o desenvolvemento das titorías.
Desde a súa creación, as Titorías AGAG serviron de trampolín a proxectos con percorrido nacional e internacional. Títulos como A illa da morte de Paula Mariñas (Madrid PitchBox), As Augas de Ledia Sola (axudas ao desenvolvemento e produción de AGADIC), Rúa Barcelona de Ángela Andrada (LabGuion de Colombia), Shido de Anita Pico (Torino Film Lab), Terás que saltar de Irene Pin (axuda ao desenvolvemento de AGADIC) ou Os reis imaxinarios de Eire Cid (subvención ao desenvolvemento de AGADIC) foron impulsados dentro do programa.
Con esta nova edición, AGAG reafirma a súa aposta por un audiovisual galego máis plural, con creadoras visibles, recoñecidas e acompañadas desde o inicio dos seus proxectos.
Co apoio de Fundación SGAE, Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais e CIMA (Asociación de mujeres cineastas y de medios audiovisuales)