Anuncio finalistas do V Premio Daniel Domínguez de guión en galego
A Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG) presentou hoxe a Uxía Diéguez Santiago, Hector Carré e Gumersindo Novoa Rodríguez como os tres finalistas do V Premio Daniel Domínguez de guión en galego. O guión gañador será revelado nun acto na Fundación SGAE de Santiago de Compostela o vindeiro venres 15 de decembro.
O xurado, composto polos directivos de AGAG Sara Varela e Ángel Manzano, e polo representante territorial da SGAE, Víctor Sierra, decidiu por maioría e conforme ás bases da convocatoria a elección dos guións finalistas, que destacan pola súa singularidade e enfoque.
Furtivo, presentado baixo o pseudónimo “Sú”, é obra de Uxía Diéguez Santiago; Hector Carré presentou Sinais co pseudónimo “Celidonio Varela”; As cores da alma, presentado baixo o pseudónimo “Gerardo Two”, é obra de Gumersindo Novoa Rodríguez.
As cores da alma: Sobresaíu pola súa abordaxe única da Guerra Civil, afondando nun acontecemento específico sen caer na simplificación do conflito mediante a dicotomía de bos e malos.
Sinais: O guión propón unha inmersión nas vivencias das persoas con discapacidade auditiva, tratando temas como o consentimento, a integración nun ambiente educativo convencional e o espertar do desexo sexual con autenticidade e empatía.
Furtivo: Destacou pola súa capacidade de radiografar dun xeito profundo unha realidade social complexa como é o mundo das drogas dende o contexto das mariscadoras. Esta combinación aporta frescura e orixinalidade, permitindo unha reflexión ampla sobre as dinámicas sociais.
O Premio Daniel Domínguez de guión en galego 2023-2024 ten un premio en metálico de 2.000€ para o gañador, así como a oportunidade dunha exhibición por tempo ilimitado no catálogo da plataforma online Filmarket Hub para os traballos gañador e finalistas.
Este certame, organizado por AGAG co apoio da Fundación SGAE, a colaboración de Filmarket Hub e o patrocinio da Xunta de Galicia, busca potenciar a lingua galega no ámbito audiovisual, promover aos autores e autoras que escriben en galego e difundir o traballo dos socios e socias de AGAG.
Na pasada edición, os galardoados foron Lúa García, Mª Inés Cuadrado e Alberto Guntín como editor de guión coa obra Acotío.