Ángela Andrada e Fernando Tato, Lúa García e Mª Inés Cuadrado, e Fon Cortizo, finalistas do “IV Premio Daniel Domínguez de guión en galego”
O xurado formado por Sara Gómez, Ángel Manzano e Víctor Grande integrantes da Xunta Directiva de AGAG, decidiron por maioría e conforme ás bases da convocatoria seleccionar como finalistas os seguintes guións:
– Resurrection, presentado baixo o pseudónimo “Artur Gordón Pin”, é obra de Ángela Andrada e Fernando Tato.
– Acotío, presentado baixo o pseudónimo “Minnesota”, é obra de Lúa García, Mª Inés Cuadrado e Alberto Guntín como editor de guión.
– Abellón, presentado baixo o pseudónimo “Abel Lontra”, é obra de Fon Cortizo.
O guión escollido polo xurado como gañador anunciarase o vindeiro venres 16 de decembro nun acto na Fundación SGAE de Santiago de Compostela, ao tempo que tamén se fará público nas redes sociais e web de AGAG.
O Premio Daniel Domínguez de guión en galego 2022 está dotado con 2.000€ para o guión gañador, amais dunha invitación e exhibición por tempo ilimitado na plataforma online Filmarket Hub para os traballos gañador e finalistas.
Organizado dende AGAG, co apoio de Fundación SGAE, a colaboración de Filmarket Hub e o patrocinio da Xunta de Galicia, o certame ten como obxectivos potenciar a lingua galega no audiovisual, promover aos autores e autoras que escriben en galego e axudar a difundir o traballo das persoas socias de AGAG. A gañadora da pasada edición foi a guionista Paula Mariñas.