
AGAG organiza un encontro virtual de mulleres do audiovisual con motivo do 8M

A Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG) organiza, en colaboración coa Mesa do Audiovisual Galego (AAAG, AGA, AGAG, AGAPI, CLAG, CREA e Proxecta), un encontro virtual de mulleres do audiovisual este xoves 13 de marzo ás 12.00h. Esta acción nace da necesidade de poñer en valor a figura da muller nun sector que segue a estar moi masculinizado.
Neste encontro, que poderá seguirse a través da nosa canle de YouTube, contaremos coa participación de seis profesionais galegas de diferentes eidos:
- Arantza Villar, actriz e presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).
- Alba Gallego, script, produtora e vogal da Academia Galega do Audiovisual (AGA).
- Lidia Fraga, guionista, por parte da Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG).
Silvia Fuentes, produtora e vogal da Asociación Galega de Productoras Independentes (AGAPI). - Mar Varela, xerente do Clúster Audiovisual Galego.
- Ana Domínguez, directora do Festival S8 e secretaria da Coordinadora Galega de Festivais (Proxecta).
A moderación correrá a cargo de Ángela Andrada, guionista e actriz, ademais de presidenta de AGAG.
Durante a charla, as participantes compartirán as súa experiencias e falarán sobre as dificultades que atopan no exercicio da súa profesión: a falta de paridade nos equipos, os obstáculos para ser as creadoras, as falta de oportunidades en proxectos de gran envergadura e como todo isto repercute na representación da muller na pantalla.
AS PROFESIONAIS PARTICIPANTES NO ENCONTRO
Arantza Villar (Compostela, 1976) é actriz e asistente de dirección con formación en diversas disciplinas escénicas. Forma parte do proxecto “As Fillas Bravas” desde 2014 e colaborou en múltiples espectáculos de Chévere, tanto como intérprete como asistente de dirección. Ademais, participa nos obradoiros de formación da compañía.
Alba Gallego (Allariz, 1990). Licenciada en Comunicación Audiovisual (USC) e Máster en produción e Xestión Audiovisual (UDC). Traballa dende 2013 como script e produtora audiovisual. Actualmente forma parte de Kraken Media nos postos de Produción Executiva e Dirección de produción.
Lidia Fraga (Oleiros, 1976). Proletaria do guión, sobrevive no audiovisual desde 1999. Nas súas verbas: “Escribin moitas cousas, sobre todo series; algunhas, fracasos estrondosos que me fixeron mellor profesional e mellor persoa. Dos éxitos non aprendín nada. Aspiro a deixar de ser sempre a única muller nun equipo de homes”.
Silvia Fuentes (A Estrada, 1990), con formación en Comunicación Audiovisual e un máster en Producción Executiva. Actualmente produce proxectos dende a súa produtora Sétima, xunto a Anxos Fazáns, destacando Cando toco un animal, Patarinos e As liñas discontinuas. Ademais, exerce como directora e xefa de produción en diversas produccións alleas como O Corno, Matria, ¿Qué hicimos mal? ou Nación.
Mar Varela é licenciada en Xestión e producción audivisual máis en Dereito. Traballa dende fai máis de 15 anos como xerente e secretaria do Cluster Audiovisual Galego (CLAG) na representación e defensa dos intereses das empresas de produción audiovisual galegas.
Ana Domínguez (Ourense, ). Fundadora, codirectora e coordinadora xeral do (S8) Mostra de Cinema Periférico. Formada en artes plásticas na Escola Mestre Mateo, A Massana e a Universidade de Götting. Participa como directora artística e rexedora de attrezzo en diversos proxectos cinematográficos e de tv. Denomínase a si mesma como creadora visual. Realiza pezas curtas e vídeo instalacións, participa do laboratorio de creación fílmica AA++, dedicado á filme performance. Os Fillos dá Vide é a súa primeira longametraxe.