AGAG e DAMA lanzan dous novos obradoiros gratuítos de guión de podcast e sketches
A colaboración entre a Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG) e DAMA segue medrando. Ao servizo de asesoría xurídica que xa teñen á súa disposición as persoas socias, súmanse agora dous obradoiros gratuítos para explorar novos formatos e seguir desenvolvendo ferramentas como guionistas: un dedicado ao podcast e outro á escritura de sketches.
🎙️ Obradoiro de podcast con Juan Sanguino
7 e 8 de novembro, de 10:00 a 14:00 h.
Como se constrúe un bo podcast narrativo? Juan Sanguino será o encargado de compartir a súa experiencia neste formato. Filólogo de formación, pasou do ensino á escritura e publicou en medios como El País e Vanity Fair.
En 2023 puxo en marcha Delirios de España, un podcast narrativo que escribe, dirixe e locuta. Tamén é autor de catro libros —entre eles Cómo hemos cambiado, Apriétame más fuerte e Generación Titanic— e colabora habitualmente en programas de televisión e radio.
Inscrición obradoiro de guión de podcast
✍️ Obradoiro de guión de sketches con Denny Horror
21, 22, 28 e 29 de novembro, de 10:00 a 14:00 h.
Se o teu é o humor, esta é a túa oportunidade. Denis L. Horro, máis coñecido como Denny Horror, é cómico de stand-up e guionista, cunha ampla experiencia en series e programas de comedia. Actualmente forma parte do equipo de guión do mítico programa de sketches Vaya Semanita (ETB).
Ademais, crea vídeos de humor político para medios como CTXT e El Salto, e sketches co colectivo galego Non Saímos do Lixo. En 2025 estreou Feishow, un espectáculo teatral escrito e protagonizado por el mesmo arredor da figura de Alberto Núñez Feijóo.
Inscrición obradoiro de guión de sketches
As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición, así que non o deixes para o último momento!