ABRE A CONVOCATORIA PARA A V EDICIÓN DAS TITORÍAS AGAG PARA MULLERES GUIONISTAS
A Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG) abriu a convocatoria para a quinta edición do seu programa de titorías para mulleres guionistas. Seis autoras serán seleccionadas para recibir apoio no desenvolvemento dos seus proxectos de escritura.
En colaboración coa Fundación SGAE, as Titorías AGAG buscan aumentar a participación feminina no sector audiovisual galego, apoiar o talento emerxente e dar visibilidade aos proxectos de creadoras con e sen experiencia.
O prazo para presentar proxectos é do 4 ao 18 de outubro de 2024. Os detalles e requisitos están dispoñibles na web de AGAG.
Elixiranse dúas autoras para longametraxe, dúas para series e dúas para programas de televisión, asegurando que polo menos o 50% dos proxectos sexan de autoras noveis. As titorías, impartidas por profesionais do sector, desenvolveranse en liña durante seis meses, de novembro do 2024 a abril de 2025.
Na edición anterior, os guionistas Paula Cons, Daniel D. García, Puri Seixido, Jacobo Díaz, Inés Colmeiro e Sonia Méndez foron os titores dos proxectos seleccionados.
O obxectivo de AGAG é visibilizar o traballo das mulleres autoras e fomentar un sector audiovisual máis diverso e plural.
Consulta as bases aquí