Aberta a convocatoria do VII Premio Daniel Domínguez de guión en galego para longametraxe
A Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG) abre a convocatoria da séptima edición do Premio Daniel Domínguez de guión en galego para longametraxe 2025, que busca recoñecer o mellor guión de ficción en lingua galega. O certame está dotado cun premio económico de 2.000 euros para o guión gañador.
O obxectivo deste premio é potenciar o uso do galego no sector audiovisual, dar visibilidade ao traballo dos autores e autoras que escriben nesta lingua e fomentar a creación de historias para o cinema galego.
A iniciativa conta coa colaboración da Fundación SGAE e co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), o que permitiu que este galardón se consolídase ano tras ano como un dos principais recoñecementos ao guión cinematográfico en galego.
O prazo de admisión de guións estará aberto desde o 4 de xullo ata o 31 de outubro de 2025, ambos incluídos. O 5 de decembro daranse a coñecer os guións finalistas, mentres que o gañador será anunciado o 12 de decembro a través dunha publicación nos medios, nas redes sociais de AGAG e nun acto oficial na sede da Fundación SGAE en Santiago de Compostela.
Na sexta edición celebrada en 2024, a guionista Inés Pintor foi o gañadora co guión As Crechas. Os finalistas foron Miguel Fernández, con A comuñón de Breixo, e Jorge Algora, con Para que non me esquezas.