AGAG apoia a folga de guionistas estadounidenses
A Asociación Sindical Galega de Guionistas convoca para o 14 de xuño unha concentración de apoio aos 11.500 membros do Sindicato de Guionistas de Estados Unidos (WGA), en folga dende o 2 de maio. O acto de protesta, que terá alcance mundial, celebrarase en Galicia ás 18:00 horas na Praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela.
Estas mobilizacións son consecuencia do fracaso das negociacións entre o Sindicato de Guionistas de Estados Unidos (WGA) e os produtores (AMPTP), o que provocou un parón na industria audiovisual en EE.UU. que xa se estende por máis dun mes. Cun panorama incerto, no que aínda non se chegaron a acordos en canto ás melloras salariais, cobro de royalties ou regulación no uso de intelixencia artificial, nace o Screenwriters Everywhere, evento mundial de solidariedade co sector que terá lugar o vindeiro día 14 de xuño.
AGAG secunda unha protesta que se realizará en cidades españolas como Madrid, Barcelona ou Valencia, e nalgúns dos principais países do mundo como Reino Unido, Francia, Australia, India, Canadá, Xapón ou México.