O Día do Cine Español pon o foco nas e nos guionistas
O Día do Cine Español celebrará o 6 de outubro a súa sexta edición cunha protagonista moi especial: a profesión de guionista. Un recoñecemento necesario para lembrar que detrás das historias que nos emocionan, nos fan rir ou nos axudan a entender o mundo está o traballo creativo das persoas que as escriben.
A celebración, impulsada polo Ministerio de Cultura a través do ICAA e coa colaboración da Filmoteca Española, terá como un dos seus actos centrais a mesa redonda «A liberdade creativa do guionista», no Cine Doré de Madrid. O encontro reunirá profesionais do sector para reflexionar sobre o papel das e dos guionistas na creación audiovisual e sobre a importancia de garantir as condicións necesarias para desenvolver o seu traballo con liberdade.
Desde AGAG celebramos que o Día do Cine Español dedique esta edición a visibilizar a nosa profesión. Será unha oportunidade para reivindicar o papel fundamental das e dos guionistas na cadea de valor do audiovisual e para lembrar que defender a liberdade creativa tamén significa defender os dereitos e as condicións laborais de quen escribe as historias.
Recuperar o pasado para seguir contando historias
A xornada tamén estará dedicada á conservación e recuperación do patrimonio cinematográfico, cunha programación especial da Filmoteca Española no Cine Doré. Entre as películas destacadas estarán as versións restauradas de Esa pareja feliz (1951), de Juan Antonio Bardem e Luis García-Berlanga, El inquilino (1957) e Angustia (1947), estas dúas últimas dirixidas por José Antonio Nieves Conde.
Ademais, o Día do Cine Español estenderase máis alá das salas de Madrid, con proxeccións en máis de 50 cidades de todo o mundo e actividades en pequenos municipios e contornas rurais. Entre as propostas internacionais destacará a proxección de El desencanto, de Jaime Chávarri, coincidindo co 50 aniversario da película.
Desde AGAG sumarémonos a esta celebración do cine e das persoas que o fan posible. Porque para coidar o noso audiovisual tamén cómpre recoñecer a quen crea as historias, protexer o seu traballo e garantir que poidan seguir escribindo con liberdade.