I PREMIO AGAG DE GUIÓN EN GALEGO PARA LONGAMETRAXE 2019
Cos obxectivos de potenciar a lingua galega no audiovisual, promover aos autores que escriben en galego e axudar a difundir o traballo dos nosos socios, a Asociación Sindical Galega de Guionistas desexa convocar o “I Premio AGAG de Guión en Galego para Longametraxe” en 2019.
BASES
1. O premio estará aberto a todos os autores maiores de idade que o desexen, de calquera nacionalidade, que residan no territorio español. Quedarán excluídos desta convocatoria os membros da Xunta Directiva de AGAG, que conformarán o xurado.
2. Os guións presentados deberán estar escritos en lingua galega e para longametraxes de ficción. A temática das obras será libre, pero valorarase que a acción transcorra en Galicia.
3. Non se admitirán sinopses, tratamentos ou guións inacabados. As obras deberán ter formato profesional e estar inscritas no Rexistro da Propiedade Intelectual. Aquelas obras que carezan dunha presentación profesionalmente adecuada poderán ser descualifica-das a xuízo do xurado.
4. Os autores deberán garantir que a súa obra é orixinal e inédita. No caso de que o guión fose unha adaptación dunha obra pre-existente, o autor deberá atoparse en posesión dos dereitos de adaptación, ou a obra orixinal deberá atoparse no dominio público.
5. As obras deberán presentarse en papel ou en formato dixital (memoria USB), baixo o sistema de plica. O guión non poderá ter ningún dato que identifique ao autor, só un título que servirá de lema. Nun sobre pechado e sinalado con este lema aparecerán os seguintes documentos:
- Nome e apelidos do autor/es.
- Declaración do autor/es autorizando a AGAG o uso dos seus datos nas xestións do premio.
- Declaración do autor/es de que a obra é orixinal e inédita.
- Copia do certificado de inscrición do guión no Rexistro da Propiedade Intelectual.
6. O prazo de admisión dos guións será do 1 de outubro ao 1 de decembro (inclusive) do 2019, aceptándose envíos certificados coa data límite.
7. As obras deberán remitirse a: Asociación Sindical Galega de Guionistas, Rúa das Salvadas s/n (Sede SGAE), 15705, Santiago de Compostela.
8. O xurado do premio estará conformado por catro membros da Xunta Directiva de AGAG, sendo Presidente do xurado o presidente de AGAG. Valorará a calidade, interese e viabilidade dos guións, así como especialmente aqueles traballos que mostren unha perspectiva de xénero. A deliberación do xurado será do 2 ao 15 de decembro.
9. De entre os traballos presentados, o xurado escollerá tres finalistas, que se anunciarán o 16 de decembro de 2019. O fallo definitivo farase público nun acto que terá lugar o venres 20 de decembro na Sede Fundación SGAE de Santiago de Compostela. AGAG correrá cos gastos de desprazamento, manutención e aloxamento (de ser este necesario) da persoa autora da obra premiada. Se a autoría fose de dúas ou máis persoas, a organización só asumirá os gastos dunha delas.
10. O premio non poderá declararse deserto, e o fallo do xurado será inapelable. En caso de empate nas votacións, o Presidente de AGAG exercerá o seu voto de calidade.
11. O premio contará cunha dotación económica de dous mil cincocentos euros (2.500,00 €), sometidos á tributación que a lexislación marque pertinente. Os outros dous finalistas recibirán un diploma acreditativo da súa designación como tales.
12. A persoa ou persoa premiadas comprométense a que no asinamento de contratos de cesión posteriores á concesión do premio conste explicitamente que nas copias da longametraxe por realizar, tanto en soporte cinematográfico como videográfico, ou en calquera outro tipo de soporte ou material promocional deste, figure a mención “I Premio AGAG de Guión en Galego para Longametraxe” e o logotipo de AGAG.
13. No caso de que a persoa ou persoas autoras da obra gañadora do premio non pertencesen a SGAE, aquela/s comprométense a inscribir a mesma no catálogo da entidade de xestión de dereitos de autor patrocinadora, unha vez o guión galardoado se exhiba publicamente.
14. Será descualificada toda obra que fose filmada con anterioridade ao premio, ou que se atope comprometida con algunha empresa audiovisual antes do fallo do xurado. Igualmente, queda excluído deste certame todo guión que fose premiado nalgún outro concurso con anterioridade á súa presentación ao I Premio AGAG de Guión en Galego para Longametraxe ou durante o período comprendido entre a súa presentación ao premio e o seu fallo.
15. Os exemplares das obras non seleccionadas non se devolverán aos autores, sendo destruídos a partir da notificación do texto premiado.
16. A inscrición neste certame supón a aceptación íntegra das súas bases.
17. As persoas participantes eximen a AGAG de calquera responsabilidade derivada do plaxio ou de calquera outra transgresión da lexislación vixente que aquelas puidesen cometer no certame.
En Santiago de Compostela, a 3 de setembro de 2019.
Organiza
Co apoio de