Conversas presente futuro
“Conversas presente futuro”, un proxecto organizado pola Asociación Sindical Galega de Guionistas co apoio da Fundación SGAE, é unha nova acción para poñer en valor a figura do guionista e fomentar un achegamento directo ao traballo do colectivo.
Trátase de tres diálogos entre guionistas con experiencia e guionistas noveis, nos que debullar as experiencias duns e expectativas doutros, as converxencias e diverxencias entre xeracións, os distintos métodos de traballo e tamén a aprendizaxe que poida haber, tanto do presente cara ao futuro, como á inversa.
Participan tres parellas de guionistas, dos ámbitos da ficción, programas e formatos web. As conversas serán de acceso libre e emitiranse en streaming a través das canles de Youtube e Facebook de AGAG, de maneira que a audiencia poderá interactuar e formular preguntas para que os guionistas respondan en directo. Despois da emisión, as charlas quedarán penduradas na rede e poderase acceder ao seu contido en calquera momento.
Luns 19 de abril ás 19h:Fran Carballal (Servir y proteger, Luci) e Álvaro Tineo (Puertas al Cielo, Dinosaurio)
https://www.youtube.com/watch?v=W32kTv-WCI4
Martes 27 de abril ás 19h: Gandalf Gambarte (Land Rober Tunai Show, Tourilandia) e Ángela Andrada (Coma un allo, Hai vida en Bran?)
https://www.youtube.com/watch?v=MYhezPZqnQI
Venres 30 de abril ás 19h: Sonia Méndez (Antes de perder, Angélica e Roberta) e Sara Varela (Roomies, The Room)
https://www.youtube.com/watch?v=BaC5aPfsrRk
Fran Carballal é actualmente guionista e director de contido na produtora Plano a Plano. Foi guionista de series de televisión como Toy Boy (A3 / Netflix), Servir y proteger (TVE), Rabia (Mediaset), Luci (TVG), Corto y Cambio (Comedy Central), IFamily (TVE) ou Monica Chef(Disney Channel). Tamén traballou como analista de guións e proxectos en Mediaset España e TVE, e como encargado de desenvolvemento nos departamentos de ficción de Plano a Plano, Isla Audiovisual e Starline.
Álvaro Tineo cursou o Máster de Guión de TV e Cine da UC3M. Foi guionista e director dun capítulo da webserie Dinosaurio (finalista nos Mestre Mateo 2020), creada no Campamento Kamikaze do Festival Carballo Interplay. Vén de estrear a obra de microteatro Puertas al Cielo en Madrid e está desenvolvendo un proxecto de serie.
Gandalf Gambarte é desde 2015 co-director e guionista de Land Rober Tunai Show. Conta cunha ampla traxectoria como guionista de programas de comedia na Televisión de Galicia emitidos en primetime, como Hai que mollarse, Botarse ao monte, Desexos Cumpridos ou Os Aspirantes. Ademais, foi coordinador de guión en Tourilandia e Land Rober. No eido do teatro, foi co-director e guionista da obra Sherlock Holmes e o Diamante Patterson.
Ángela Andrada estudou guión no Instituto del Cine de Madrid. A súa longametraxe Yo soy Mónica foi producida pola propia escola. Creou a webserie Hai vida en Bran?, gañadora do premio ao mellor proxecto no Festival Carballo Interplay e candidata ao Mestre Mateo. Traballou como guionista en Coma un allo (TVG) e como co-guionista da curtametraxe A rabia.
Sonia Méndez ten unha longa traxectoria no campo da dirección, guión, interpretación e produción. Dirixiu, guionizou e protagonizou as curtametraxes Perversa Lola, Leo y Mario (se dejan), As Damas Negras, Conversa cunha muller morta, Café-Bar Santos Peluquería, Ei, Guapa, e a serie web Angélica y Roberta. Desde 2014 idea e dirixe o Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay. Foi directora e co-guionista da serie dixital Antes de Perder (Playz) e directora e guionista do documental A poeta analfabeta.
Sara Varela é graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e cursou o Máster en produción MPXA. Comeza a súa traxectoria no departamento dixital de Atresmedia, Flooxer, onde participa en Paquita Salas, Roomies, Lo del Floox Show, e especialízase en crear formatos e guións para internet. Dirixiu o Fashion Film The room e actualmente céntrase na súa faceta como guionista.