
Rubén Coca:“O Premio AGAG de guión en galego para longametraxe supón un reforzo para dar saída ao que un quere contar e axuda a dar máis visibilidade ao proxecto”

ENTREVISTA
Rubén Coca: “O Premio AGAG de guión en galego para longametraxe supón un reforzo para dar saída ao que un quere contar e axuda a dar máis visibilidade ao proxecto”
Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2020
A Asociación Sindical Galega de Guionistas convoca neste 2020 a segunda edición do Premio AGAG de guión en galego para longametraxe, co apoio da Fundación SGAE. O premio está dotado con 2.500€, e ofrece subscricións gratuítas de seis meses a Filmarket Hub para o guión gañador e os dous finalistas. A convocatoria, dispoñible na web de AGAG, está aberta ata o 25 de novembro.
Entrevistamos a Rubén Coca, gañador da primeira edición, sobre o seu traballo e sobre o que supuxo este premio para o seu guión.
– Fálanos da túa traxectoria
Guionista e director en cinema e TV con ampla traxectoria en festivais internacionais de cinema, realizador en TV e creativo de publicidade. Tamén teño experiencia en proxectos de animación e videoclips, aínda que o meu traballo está centrado sobre todo no cinema fantástico de ficción e o thriller.
– Como soubeches da convocatoria do premio?
Tiven coñecemento da convocatoria por medio da Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización CREA, da que formo parte desde a súa fundación.
– Que supuxo para ti recibir o premio?
O premio a mellor guión de longametraxe AGAG supón un reforzo para dar saída ao que un quere contar e axuda a dar máis visibilidade ao proxecto. Este tipo de recoñecementos, neste caso por parte da Asociación Sindical Galega de Guionistas, potencian o percorrido e as opcións de estar acompañado no longo camiño do desenvolvemento e así marcar un feito diferencial.
– O premio abriuche algunha porta? Contribuíu dalgún xeito a conseguir os procesos e/ou contactos necesarios para levar a cabo o proxecto?
DETRÁS DA LUZ presentouse no pasado Festival de Cans e é un dos proxectos seleccionados a desenvolvemento e promoción audiovisual de TALENTO 2020 AGADIC, obtendo a maior cualificación á creatividade da proposta e viabilidade cinematográfica. Á súa vez, obtivo o recoñecemento EXCELLENT SCRIPT no International FILMARKETHUB 2020 (40 proxectos seleccionados entre 1500 rexistrados de Europa, EEUU e Latinoamérica).
– En que estado se atopa agora o teu guión?
Neste momento o guión atópase en fase de desenvolvemento na procura de financiamento e produción, coa idea de formar parte de futuras seleccións en mercados de desenvolvemento e produción cinematográfica como o I+P Ideas para Producir e o Conecta+ de CREA.
– Cres que convocatorias coma esta son necesarias?
Para un guionista, e tamén como director, é fundamental que o teu traballo teña o respaldo necesario para que os proxectos se poidan desenvolver. Ser recoñecido axuda a reforzar con maiores garantías a vida útil das nosas historias e deste xeito poder estar máis preto de que os guións cumpran o seu obxectivo final e consigan a produción que necesitan.
– En que proxectos estás traballando actualmente?
Na actualidade estou a terminar a primeira versión doutro guion de longametraxe de ficción, unha reflexión sobre a crise das relacións persoais, que espero ter listo para principios de 2021. E de forma paralela, neste caso en fase de desenvolvemento, unha serie de ficción para TV.
Deixa unha resposta
Tes que iniciar sesión para publicar comentarios.