Resolución das Axudas do ICAA a Escritura de Guión e o seu balance
O Ministerio de Cultura, a través do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), vén de conceder axudas para a escritura de guións de longametraxes cinematográficas correspondentes ao ano 2025 por un importe total de 8 millóns de euros. Unha convocatoria que deixa datos especialmente relevantes para Galicia, tanto polo número de proxectos apoiados como pola presenza da lingua galega.
En total presentáronse 4.080 solicitudes de todo o Estado, das que finalmente foron seleccionados 285 guións. Deles, 224 son de ficción, que concentran o 84 % da dotación económica; 53 corresponden a documentais (13 %) e 8 a proxectos de animación (3 %). Ademais, 34 dos guións beneficiarios están realizados en réxime de coautoría. As axudas ascenden a 30.000 euros para guións de longametraxes de ficción e a 25.000 euros no caso dos documentais. Un requisito clave da convocatoria foi que na elaboración dos textos non se empregasen ferramentas de intelixencia artificial xerativa.
Galicia sitúase como a quinta comunidade autónoma con máis proxectos beneficiados, cun total de 18 guións apoiados de residentes no país. Só Madrid, (107), Cataluña (60), Comunidade Valenciana (29) e Andalucía (22) superan os datos galegos. Por detrás de Galicia quedan territorios como o País Vasco (14), Aragón (9) ou Illas Baleares e Castela-A Mancha, con cinco proxectos cada unha.
Outro dos aspectos destacados da convocatoria é a aposta polas linguas cooficiais. O 25 % do crédito reservouse a guións escritos en linguas distintas do castelán, o que se traduce en 74 proxectos beneficiarios. Deles, 13 están redactados en galego, fronte a 35 en catalán, 16 en valenciano e 10 en éuscaro. Estes datos confirman o peso do galego dentro do panorama audiovisual estatal e o interese por impulsar a diversidade lingüística.
A presenza feminina tamén é salientable: o 45 % do orzamento destinouse a proxectos escritos exclusivamente por mulleres, cun total de 131 guións seleccionados.
Con esta convocatoria, o Ministerio de Cultura recupera unha liña de axudas prevista na Lei do Cine de 2007 e que levaba sen convocarse desde 2011. O obxectivo é reforzar os primeiros elos da cadea de valor do sector audiovisual, mellorar o tecido industrial e combater a precariedade laboral das guionistas e guionistas, contando para o seu deseño coa colaboración de FAGA, da que AGAG é membro e de ALMA.
Podes consultar aquí a resolución completa.