Anunciados os seis proxectos seleccionados na V Edición das Titorías AGAG para Mulleres Guionistas
As Titorías AGAG para Mulleres Guionistas, impulsadas pola Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG) en colaboración coa Fundación SGAE, seguen avanzando cara a súa misión de fomentar a presenza de mulleres guionistas no panorama audiovisual galego. Este programa busca identificar e apoiar o talento feminino emerxente no ámbito do guión, proporcionando formación especializada, visibilidade e apoio ás creadoras galegas, sen importar a súa idade ou experiencia previa no sector.
Os proxectos seleccionados este ano e as súas autoras son:
- Longametraxe: ‘A Senda’ de Mery López; ‘IR-I.A.’ de Lucía Malvido e ‘Tindaya’ de Iria Sobrado
- Serie: ‘Ao ritmo de golpes’ de Teresa Soto e Mariña Costa e ‘Esta noite hai foliada’, Irene Pin
- Programa de televisión: ‘Espazo Sonoro’ de Ro López
As titorías estarán a cargo de profesionais de ampla traxectoria no sector audiovisual. En longametraxes, contarán con Víctor Sierra, Araceli Gonda e Daniel D. García; en series, con Tatiana Rodríguez e Puri Seixido; e para o programa de televisión, Víctor Grande.
As sesións de titorización comezarán o 1 de novembro e realizaranse de maneira telemática ata o 30 de abril.