O guión “Sinais” de Hector Carré, gañador do V Premio Daniel Domínguez de guión en galego 2023-2024
O guión “Sinais”, de Hector Carré, foi proclamado gañador do V Premio Daniel Domínguez de guión en galego, organizado pola Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG), co respaldo da Fundación SGAE, a colaboración de Filmarket Hub e o patrocinio da Xunta de Galicia. Os outros finalistas, Uxía Diéguez Santiago co seu traballo “Furtivo” e Gumersindo Novoa Rodríguez con “As cores da alma”, tamén recibiron recoñecemento por parte do xurado.
O xurado, composto polos directivos de AGAG Sara Varela e Ángel Manzano, xunto co representante territorial da SGAE, Víctor Sierra, decidiron por maioría outorgar o galardón a “Sinais”, sinalando que “este guión propón unha inmersión nas vivencias das persoas con discapacidade auditiva, abordando temas relevantes como o consentimento, a integración nun entorno educativo convencional e o espertar do desexo sexual, todo tratado con autenticidade e empatía.”
A entrega do premio contou coa presenza de Víctor Sierra, representante do consello territorial da SGAE, e Jacobo Sutil, director da AGADIC.
Hector Carré recibirá un premio de 2.000€ por “Sinais”, recoñecido como o guión gañador do V Premio Daniel Domínguez de guión en galego 2023-2024, así como unha subscrición gratuíta e ilimitada ao mercado online da plataforma Filmarket Hub. Os finalistas, Uxía Diéguez Santiago e Gumersindo Novoa Rodríguez, tamén serán galardoados cunha subscrición a Filmarket Hub.
O Premio Daniel Domínguez de guión en galego ten como obxectivos principais potenciar o uso da lingua galega no ámbito audiovisual, promover os e as autoras que escriben nesta lingua e contribuír á difusión do traballo dos socios e socias de AGAG.