II Premio Daniel Domínguez de guión en galego
O guión O fin da verdade, escrito por Fernando Tato, Ozo Perozo e Adrián Castiñeiras. Os guións finalistas son A flote, de Jose Veiga, e (Os) Anxos, de Marcos Méndez Moreira.
O fin da verdade foi designado por unanimidade como gañador “pola súa valentía á hora de percorrer camiños pouco transitados no audiovisual galego, apostando polo xénero. O fin da verdade desenvolve con intelixencia e solidez unha premisa de ciencia ficción que atrapa desde o primeiro momento, mantendo a tensión ata o final da historia”.
O xurado desta edición, formado polos guionistas Enrique Lojo, Lidia Fraga, Ángel Manzano e Víctor Grande (integrantes da Xunta Directiva de AGAG), quere salientar a calidade das obras presentadas este ano, así como a riqueza e diversidade das historias.
Fernando Tato, Ozo Perozo e Adrián Castiñeiras recibirán o premio de 2.500€ por O fin da verdade como guión gañador do Premio Daniel Domínguez de guión en galego 2020, ademais dunha subscrición gratuíta de 6 meses ao mercado online da plataforma Filmarket Hub. Como finalistas, Jose Veiga e Marcos Méndez Moreira recibirán por A flote e (Os) Anxos, respectivamente, cadansúa subscrición gratuíta a Filmarket Hub.
O Premio Daniel Domínguez de guión en galego ten como obxectivos potenciar a lingua galega no audiovisual, promover aos autores e autoras que escriben en galego e axudar a difundir o traballo dos socios e socias de AGAG. Dous dos autores que resultaron gañadores desta edición son socios de AGAG, así como o gañador da pasada edición, o guionista Rubén Coca. O Premio Daniel Domínguez de guión en galego vén de ser rebautizado así a raíz do recente falecemento do guionista Daniel Domínguez, todo un referente do guión en Galicia, como homenaxe e recoñecemento á súa figura.