Bases do IV PREMIO DANIEL DOMÍNGUEZ DE GUIÓN EN GALEGO PARA LONGAMETRAXE
Continuando cos obxectivos plantexados na primeira edición – potenciar a lingua galega no audiovisual, promover aos autores que escriben en galego e axudar a difundir o traballo dos nosos socios -, a Asociación Sindical Galega de Guionistas convoca o “IV Premio Daniel Domínguez de Guión en Galego para Longametraxe”.
BASES
1. O premio estará aberto a todos os autores maiores de idade que o desexen, de calquera nacionalidade, que residan no territorio español. Quedarán excluídos desta convocatoria os membros da Xunta Directiva de AGAG, que conformarán o xurado.
2. Os guións presentados deberán estar escritos en lingua galega e para longametraxes de ficción. A temática das obras será libre, pero valorarase que a acción transcorra en Galicia.
3. Non se admitirán sinopses, tratamentos ou guións inacabados. As obras deberán ter formato profesional e estar inscritas no Rexistro da Propiedade Intelectual. Aquelas obras que carezan dunha presentación profesionalmente adecuada poderán ser descualificadas a xuízo do xurado.
4. Os autores deberán garantir que a súa obra é orixinal e inédita. No caso de que o guión fose unha adaptación dunha obra pre-existente, o autor deberá atoparse en posesión dos dereitos de adaptación, ou a obra orixinal deberá atoparse no dominio público.
5. As obras presentaranse baixo plica mediante envío á dirección de correo electrónico “coordinacion@guionistas.gal”. A persoa que exerce a coordinación de AGAG será a encargada da recepción da documentación e fará acuse de recibo de cada correo. No asunto do email especificarase “IV Premio Daniel Domínguez de Guión en Galego para Longametraxe” e adxuntaranse cinco arquivos en formato PDF:
a) Guión: Na portada debe figurar soamente o título do guión e o pseudónimo. O nome do arquivo debe ser o TÍTULO DA OBRA en maiúsculas. (PDF)
b) Plica: O nome do arquivo debe ser TÍTULO DA OBRA_PLICA. Conterá os seguintes datos persoais: Título da obra, pseudónimo, nome e apelidos dos autores do guión, dirección postal completa, teléfono, correo electrónico, nomes de usuario en redes sociais (se tivese). (PDF)
c) Declaración de autoría: Declaración por parte do autor ou autores de que a obra é orixinal e inédita. Deberá estar asinada polo autor ou autores. (PDF)
d) Autorización para o uso de datos: Autorización a AGAG por parte do autor ou autores para o uso dos seus datos persoais nas xestións do premio. Deberá estar asinada polo autor ou autores. (PDF)
e) Copia do certificado de inscrición do guión no Rexistro da Propiedade Intelectual: Se non é posible obter dito certificado antes do fin do prazo de presentación de obras, será suficiente con presentar unha copia da solicitude do mesmo. (PDF)
6. O prazo de admisión dos guións será do 15 de xullo ao 1 de novembro (inclusive) do 2022.
7. O xurado do premio estará conformado polos membros da Xunta Directiva de AGAG. Valorará a calidade, interese e viabilidade dos guións, así como especialmente aqueles traballos que mostren unha perspectiva de xénero.
8. De entre os traballos presentados, o xurado escollerá tres finalistas, que se anunciarán o venres 9 de decembro de 2022 a través dunha nota de prensa aos medios de comunicación e nas redes sociais de AGAG. O fallo definitivo farase público o venres 16 de decembro a través dunha nota de prensa aos medios de comunicación e nas redes sociais de AGAG.
9. O premio non poderá declararse deserto, e o fallo do xurado será inapelable. En caso de empate nas votacións, o Presidente de AGAG exercerá o seu voto de calidade.
10. O premio contará cunha dotación económica de dous mil euros (2.000,00 €), sometidos á tributación que a lexislación marque pertinente. Os outros dous finalistas recibirán un diploma acreditativo da súa designación como tales.
11. Tanto os dous guións finalistas como o guión gañador do Premio terán o beneficio de formar parte do mercado online de Filmarket Hub a través dunha invitación exclusiva (valorada en 399€ por proxecto) que consiste na exhibición no seu catálogo online exclusivo durante tempo ilimitado nunha sección dedicada a AGAG dentro da súa área curada de industria titulada “Selecciones de nuestros Industry Partners”, e a inclusión nun email específico recomendando os tres guións a empresas relevantes da súa base de datos.
12. A persoa ou persoas premiadas comprométense a que na firma de contratos de cesión posteriores á concesión do premio conste explicitamente que nas copias da longametraxe por realizar, tanto en soporte cinematográfico como videográfico, ou en calquera outro tipo de soporte ou material promocional deste, figure a mención “IV Premio Daniel Domínguez de Guión en Galego para Longametraxe” e o logotipo de AGAG.
13. No caso de que o/a autor/a ou autores/as da obra gañadora do premio non pertencesen a SGAE, comprométense a inscribir a mesma no catálogo desta entidade de xestión de dereitos de autor, unha vez o guión galardoado se exhiba publicamente.
14. Será descualificada toda obra que fose filmada con anterioridade ou que se atopase comprometida con algunha empresa audiovisual, antes do fallo do xurado. Igualmente, queda excluído deste certame todo guión que fose premiado nalgún outro concurso con anterioridade á súa presentación ao IV Premio Daniel Domínguez de Guión en Galego para Longametraxe ou durante o período comprendido entre a súa presentación ao premio e o seu fallo.
15. Os exemplares das obras non seleccionadas non se devolverán aos autores, sendo destruídos a partir da notificación do texto premiado.
16. A inscrición neste certame supón a aceptación íntegra das súas bases.
17. As persoas participantes eximen a AGAG de calquera responsabilidade derivada do plaxio ou de calquera outra transgresión da lexislación vixente que aquelas puidesen cometer no certame.
En Santiago de Compostela, a 15 de xullo de 2022
Organiza:
Co apoio de: