Avance das liñas de axuda 2014 de AGADIC ao sector audiovisual
Os compañeiros de CREA (Asociación de Directores e Realizadores de Galicia) estiveron na sesión informativa do xoves 10 de xullo e agradecemos a eles este exhaustivo informe.
Fonte: CREA
Onte celebrouse na Biblioteca da Cidade da Cultura unha sesión informativa organizada pola Axencia Galega de Industrias Culturais, AGADIC, onde se deron a coñecer as liñas de axuda para o sector audiovisual do ano 2014. O acto contou coa presencia de Anxo Lorenzo, Dolores Meijomín, Jacobo Sutil e Pilar Rodríguez Leonardo, e nel avanzouse que no presente ano producirase un incremento do 92% na cuantía da partida orzamentaria adicada ás liñas de apoio ó sector audiovisual con respecto a 2013 (1,3 millóns de € en 2013 por 2,53 millóns de € en 2014).
As liñas de apoio ó sector divídense en 5 convocatorias:
1) Axudas a Festivais de Cine (90 mil €)
2) Axudas á Promoción do Talento Audiovisual (145 mil €)
3) Axudas de Desenvolvemento Audiovisual (175 mil €)
4) Axudas á Produción Audiovisual (2 millóns €)
5) Axudas á Difusión e Comercialización (120 mil €)
1) Axudas a Festivais de Cine
Das 5 liñas de apoio ó sector, a única que foi publicada e resolta no que vai de ano son as axudas a Festivais de Cine. Unha liña de subvencións que se convocou por primeira vez no presente ano e que tivo como beneficiarios ós Festivais: Play-Doc de Tui, Festival de Cans, Mostra de Cinema Periférico (S8), Curtocircuito e o Festival de Cine Árabe AMAL de Santiago de Compostela.
2) Axudas á Promoción do Talento Audiovisual
Este ano contará con importantes modificacións. En primeiro lugar, increméntase o investimento nesta categoría que pasa de 66 mil € no ano 2013 a 145 mil no presente ano 2014, o que supón unha suba do 119,7%. A convocatoria de Talento estará composta por 3 modalidades:
A) Escrita de Guión
B) Curtametraxes
C) Longametraxes
Con respecto ao ano anterior na presente convocatoria reducirase o número de proxectos subvencionados nas modalidades A e B que pasan de 6 a 5 e recupérase a modalidade de longametraxe, que no seu momento producira filmes como “Todos vos sodes capitáns” ou “Costa da Morte” e que fora incluída na orde por última vez en 2011.
A liña de apoio ao talento contará cun orzamento de 145 mil € que se repartirá do seguinte xeito:
25 mil € para a modalidade A. O que significa que se apoiaran 5 proxectos de escrita de guión cunha cuantía de 5 mil € por proxecto subvencionado.
30 mil € para a modalidade B. Apoiaranse 5 proxectos de curtametraxe ó que lles corresponderá unha axuda de 6 mil € por proxecto subvencionado.
90 mil € para a modalidade C. Apoiaranse 3 proxectos ós que lles corresponderá un máximo de 30 mil € por proxecto subvencionado. Esta modalidade está reservada para directores novéis, polo cal só poderán presentarse á modalidade C directores que teñan dirixido unicamente 1 ou ningunha longametraxe anterior.
Para as modalidades de curtametraxes e escrita de guión (A e B) os beneficiarios coma sempre serán persoas físicas mentres que para optar á liña de longametraxes (C) é obrigatorio ser persoa xurídica. Así só poderán presentarse ás axudas a longas todos aqueles profesionais (autónomos) dados de alta como tales no momento de solicitar a axuda e sen esixencia de antigüidade. Ademais por primeira vez poden presentarse igualmente empresas produtoras (só a longametraxes) cun ano de antigüidade desde a súa fundación.
Así mesmo existen diferencias considerables entre as modalidades A e B e a C:
As dúas primieras seguirán a ser de carácter anual co cal é requisito imprescindible entregar o proxecto rematado no mesmo ano no que se concede a axuda.
A modalidade C pasa a ser bianual e os proxectos deben estar rematados en 2015.
De igual modo a convocatoria de talento contemplará a posibilidade de solicitar anticipos da axuda concedida ós proxectos beneficiarios.
No caso das modalidades A e B o anticipo da axuda pode ser ata un 80% da mesma, mentres que na modalidade C os anticipos divídense en dúas anualidades. Na primeira anualidade o proxecto beneficiario recibira o 23% da axuda mentres que o 77% restante corresponderá á segunda anualidade.
Como criterios de avaliación dos proxectos, a convocatoria de talento seguirá a estar orientada a obras que rachen coas narrativas convencionais ou de carácter experimental. Na modalidade C (Longas) valoraráse a aportación de fondos propios, aínda que sen ter caracter determinante.
Desde AGADIC anunciaron que teñen previsto que a convocatoria de talento se publique no D.O.G. a principios do vindeiro mes de agosto.
3) Axudas ó Desenvolvemento de Proxectos Audiovisuais
Ten un incremento dun 17% con respecto á convocatoria anterior e pasa dunha dotación de 150 mil € a 175 mil €. Dentro desta convocatoria establécense igualmente 4 modalidades de proxectos subvencionables dentro das axudas á desenvolvemento con distintas dotacións segundo a modalidade.
1) Longametraxes cinematográficas de ficción ou animación: ata un máximo de 20 mil €
2) Películas para Televisión e Miniseries: 15 mil e 20 mil € respectivamente.
3) Pilotos de series de animación: 15 mil € para imaxe real, 20 mil € máximo.
4) Pilotos de programas de TV: máximo 10.000
Como criterios de valoración terase en conta a calidade dos proxectos, a traxectoria profesional da productora e dos profesionais que interveñen na produción, que conte cun 50% ou unha porcentaxe superior de mulleres no equipo así como a viabilidade do proxecto.
Unha importante novidade da convocatoria é que os gastos estructurais das empresas beneficiarias non poderán ser utilizados para a xustificación da axuda. Así considéranse gastos xustificables dentro da modalidade de desenvolvemento:
Todo gasto derivado dos Dereitos de Autor.
Gastos de desenvolvemento de guión (asesoramento, reescritura, traducción)
Asesoramento xurídico.
Deseño de material promocional do proxecto (teaser, memoria, material impreso, web…)
Plan de márketing.
Participación en foros de desenvolvemento.
Salarios de Director e Guionista.
4) Axudas á Produción
Este ano verán incrementada a súa cuantía en case un 50% pasando de 1,1 millóns de € en 2013 a 2 millóns de € en 2014. Na presente edición contará con importantes novidades. Poderán presentarse ás axudas todas aquelas empresas produtoras que conten cunha participación mínima dun 20% no proxecto subvencionable. Igualmente só poderá subvencionarse un único proxecto por empresa. As axudas a produción dividiranse en 5 apartados:
A) Longametraxes cinematográficas de ficción ou documental: Estarán divididas á súa vez en dúas modalidades:
1) Longametraxes de Autoría galega con orzamento inferior a 1,2 millóns de €.
2) Longametraxes con orzamento superior a 1,2 millóns de €.
En ambos casos a axuda máxima será de 240 mil € por proxecto. No caso de que o filme empregue o galego como lingua orixinal, a cuantía máxima incrementarase en 20 mil €, podendo chegar ós 260 mil €.
B) Animación cinematográfica. Dividida igualmente en 2 apartados:
1) Curtametraxes de animación con vocación de convertirse en longas. Axuda máxima de 80 mil € e 100 mil € no caso de que o galego sexa a lingua orixinal.
2) Longametraxes de Animación: 240 mil € ou 260 mil € dependendo de si empregan ou non o galego como idioma orixinal.
C) Longametraxes para televisión e miniseries
1) Longametraxes para TV: Ata un máximo de 140 mil € que ascende a 160 mil € no caso de que a lingua orixinal sexa o galego.
2) Miniseries: Ata 240 mil e 260 mil € respectivamente.
D) Longametraxe documental para Televisión: Para presentarse a esta modalidade é imprescindible contar co apoio dalgunha televisión con ampla cobertura en Galicia. A axuda á que poden optar estas producións son de un máximo de 30 mil € ou de 50 mil € en función do idioma de rodaxe.
E) Series de Animación infantil e xuvenil: Poderán optar a unha axuda máxima de 150 mil € ou 170 mil € se o idioma de gravación é o galego.
Os criterios de valoración das axudas a produción serán: a calidade, contribución cultural, impulso da cinematografía galega e viabilidade económica do proxecto.
Entre as novidades atópase que os “gastos subvencionables” pasan a homologarse cos creiterios do ICAA co cal inclúense como gastos subvencionables os conceptos derivados dos capítulos 11 e 12 do orzamento audiovisual correspondentes á distribución e a promoción das producións. OLLO, os gastos subvencionables están homologados ós criterios do ICAA pero a “xustificación” deses gastos segue a rexirse pola Lei de Subvencións de Galicia (Esto significa que no caso de recibir unha axuda de cuantía menor á solicitada non poderá reducirse o orzamento da produción e deberá xustificarse a totalidade do orzamento con independencia da cuantía da axuda, e que igualmente todo gasto xustificable debe ir acompañado de xustificante bancario). É importante sinalar que o total das axudas públicas recibidas por unha produción non poderá superar o 50% do orzamento total da mesma, e que esa porcentaxe se amplía ó 70% no caso de que a produción esté rodada en galego.
A publicación da convocatoria está prevista para finais de agosto e será trianual asignándose ós proxectos beneficiarios unha porcentaxe da axuda de forma progresiva desde 2014 a 2016.
5) Difusión e Comercialización
É outra das novidades do presente ano e conta cunha partida de 120 mil €. Son axudas que se concederán a posteriori e que poderán alcanzar un 50% do gasto subvencionable ata un máximo de 20 mil € por produción. Están divididas en dúas modalidades:
A) Participación en Festivais: Consideraránse gastos subvencionables os derivados da representación de filmes seleccionados en Seccións oficiais e Seccións de Referencia de carácter competitivo en Festivais de clase A e nalgúns de clase B seguindo os criterios do ICAA.
B) Estreas: Consideraranse gastos subvencionables os derivados da promoción da estrea dos filmes en salas como: copias, gastos de distribución, screening test, prensa e comunicación, etc.
Ata aquí o que coñecemos oficialmente do que serán as novas liñas de axuda ó sector á espera de que se publiquen no D.O.G. as distintas convocatorias. Desde CREA queremos agradecer a AGADIC a celebración desta sesión informativa desexando que esta práctica se manteña en futuras convocatorias.
Deixa unha resposta
Tes que iniciar sesión para publicar comentarios.