AGAG apoia á comunidade creativa na defensa dos dereitos de autor fronte á IA
A comunidade creativa estadounidense fixo un comunicado baixo o lema #stealinginstinnovation no que denuncia a mala praxe dalgunhas das maiores empresas tecnolóxicas do mundo. Estas están a empregar obras creadas por artistas e guionistas para desenvolver plataformas de Intelixencia Artificial sen autorización, sen compensación e sen respecto polas leis de propiedade intelectual.
Fronte a esta situación, artistas, escritoras e creadores de todo tipo están a unirse arredor dunha mensaxe clara e directa: apropiarse do noso traballo non é innovación, non é progreso; é roubo.
Desde a AGAG Guionistas sumámonos plenamente a este posicionamento. Defendemos que o avance tecnolóxico non pode producirse á custa da explotación do traballo creativo. A IA non xorde do baleiro: aliméntase de contidos creados por persoas reais, con dereitos recoñecidos e cunha actividade profesional que debe ser respectada.
Existe un camiño mellor. Algunhas empresas de IA xa demostraron que é posible avanzar mediante acordos de licenza, colaboracións transparentes e unha compensación xusta para as creadoras e creadores. Estes exemplos amosan que a innovación e o respecto polos dereitos de autor non son incompatibles.
Podemos ter ambas cousas: unha Intelixencia Artificial avanzada e en constante evolución e, ao mesmo tempo, a protección dos dereitos, da dignidade e da sustentabilidade do traballo creativo.
A AGAG Guionistas continuará defendendo aos guionistas e á creación orixinal, porque sen respecto ás persoas creadoras non hai futuro cultural posible.