Seriegrama
SERIEGRAMA DE AGAG. Primeira edición. Bases
Obradoiro – residencia da Asociación Sindical Galega de Guionistas, dedicado á creación de series. Dirixido a guionistas profesionais residentes en territorio español que estean desenvolvendo un proxecto de serie de ficción.
Os proxectos poden presentarse tanto en galego, como en español. Cada guionista poderá presentar un máximo de 2 proxectos, aínda que só será seleccionado un proxecto por persoa. O obradoiro-residencia terá carácter presencial e será impartido polo recoñecido guionista Alberto Marini.
O obradoiro-residencia terá lugar a fin de semana do 27 e 28 de abril de 2019. O Seriegrama de AGAG cubrirá os gastos de aloxamento e manutención dos participantes, que se aloxarán nunha casa rural na contorna de Santiago de Compostela. Non se cubrirán os gastos de desprazamento.
Documentación requirida:
• Un dosier que inclúa o formato da serie, o seu universo e contexto, unha breve descrición de personaxes e unha sinopse tanto do arco de temporada, como do episodio piloto. (máximo 10 páxinas)
• Unha escaleta do guión do episodio piloto (máximo 12 páxinas)
• CV do autor ou autores (No caso de que as obras seleccionadas tivesen máis dun autor, a organización só se fará responsable dos gastos derivados dun dos autores).
Criterios de avaliación:
• Calidade intrínseca dos proxectos
• Orixinalidade da proposta.
• Viabilidade dentro do marco audiovisual actual.
Selección de proxectos:
Seleccionaranse 4 proxectos, dos cales un mínimo de 2 serán de socios/as de AGAG. Da escolla encargaranse un comité designado por AGAG e mailo titor Alberto Marini.
Plazo de presentación de proxectos:
A documentación requerida deberá ser enviada a coordinacion@guionistas.gal antes do 22 de marzo de 2019.
Os proxectos seleccionados comunicaranse o 8 de abril de 2019.
Alberto Marini é guionista e produtor, fundador da produtora Rebelión Terrestre Film e profesor de guión na ESCAC e no Máster de Guion da Universidad Pontificia de Salamanca.
Ten participado como guionista en longametraxes cinematográficas como “Mientras Duermes”, “Extinction” ou “El desconocido” (finalista aos Premios Goya ao Mellor guión orixinal). Entre os seus últimos traballos está a súa participación no guión de “Tu hijo”, película inaugural da 63ª Semana Internacional de Cine de Valladolid SEMINCI.
Na súa faceta de produtor executivo, os seus créditos inclúen, entre outros, títulos como “[REC]”, “[REC]2”, “[REC]3 Génesis”, “Mientras duermes”, “The Way” ou “Los últimos días”.