IV Edición das Titorías AGAG para mulleres guionistas
TITORÍAS AGAG – BASES CONVOCATORIA 2023
OBXECTIVOS
As TITORÍAS AGAG son unha iniciativa da Asociación Sindical Galega de Guionistas, en colaboración coa Fundación SGAE, que nace co gallo de:
- Promover a presencia de mulleres guionistas no audiovisual galego.
- Apostar polo novo talento feminino no eido do guión.
- Asesorar e dar a coñecer os proxectos das creadoras galegas, de calquera idade, con e sen experiencia profesional.
PARTICIPACIÓN
- Poderán participar todas as mulleres maiores de idade, de nacionalidade española ou residencia en España, cun proxecto orixinal en galego, de temática libre, para LONGAMETRAXE, SERIE ou PROGRAMA DE TELEVISIÓN. Quedan excluídas as adaptacións de obras ou formatos preexistentes, a excepción de posuír os dereitos das mesmas.
- Cada autora poderá presentar un único proxecto a unha soa das categorías (longametraxe, serie ou programa de televisión).
- Poderán presentarse proxectos en colaboración, sempre que todas as autoras sexan mulleres.
- Os proxectos presentados non deberán ter recibido ningunha axuda pública, subvención ou premio anterior á data límite de entrega.
DOCUMENTACIÓN A PRESENTAR
- PDF con sinopse ou descrición do proxecto, de 2 páxinas máximo.
- PDF co currículo da/s autora/s.
- PDF coa declaración da/s autora/s de que o proxecto presentado é unha obra orixinal, eximindo á Asociación Sindical Galega de Guionistas e á Fundación SGAE de calquera reclamación que se produza sobre os mesmos.
- PDF coa autorización expresa asinada pola/s autora/s en favor da Asociación Sindical Galega de Guionistas e da Fundación SGAE para o uso dos seus datos nas xestións necesarias para a realización das titorías.
-PDF que acredite a posesión dos dereitos da obra orixinal no caso de adaptación.
MODO DE PRESENTACIÓN
A documentación deberá enviarse por correo electrónico a coordinacion@guionistas.gal co asunto “TITORÍAS AGAG 2023” – “Nome da/s autora/s”.
PRAZO DE PRESENTACIÓN
Entre o 1 e o 15 de setembro de 2023, ambos incluídos.
SELECCIÓN DOS PROXECTOS
- Os proxectos serán valorados pola directiva da Asociación Sindical Galega de Guionistas.
- Seleccionaranse un total de 6 autoras: 2 na categoría de LONGAMETRAXE, 2 na categoría de SERIE e 2 na categoría de PROGRAMA DE TELEVISIÓN.
- Un mínimo do 50% dos proxectos seleccionados serán de autoras noveis (que teñan como moito un crédito de guionistas nunha produción profesional).
- No caso de non presentarse proxectos nalgunha das categorías, poderanse ampliar os proxectos das categorías restantes ata chegar ao total de seis proxectos.
- Escolleranse tres proxectos de reserva, un por cada unha das categorías, por se houbese algunha renuncia.
- O anuncio das autoras seleccionadas farase público o día 28 setembro de 2023.
- As obras resultantes das titorías incorporarán a lenda “Coa colaboración/apoio de Fundación SGAE”
- A Asociación Sindical Galega de Guionistas resérvase o dereito de declarar deserta algunha das categorías.
METODOLOXÍA
- As titorías durarán 6 meses: desde o 2 de outubro de 2023 ata o 31 de marzo de 2024.
- Cada autora contará co asesoramento dun/dunha profesional de recoñecida experiencia no sector, elixido/a pola Asociación Sindical Galega de Guionistas en función dos proxectos seleccionados.
- A modalidade das titorías será online, mediante correo electrónico, teléfono e/ou videoconferencia, e limitarase a unha reunión ou sesión mensual de traballo entre as autoras e os titores e titoras (6 sesións en total).
CALENDARIO DAS TITORÍAS
1 de outubro – 22 de decembro de 2023
Sesións de traballo das autoras cos seus correspondentes titores e titoras.
22 de decembro de 2023 – 8 de xaneiro de 2024
Descanso das titorías.
9 de xaneiro –31 de marzo de 2024
Continuación e final das titorías.
ACEPTACIÓN DAS BASES
A participación nas Titorías AGAG supón a aceptación destas bases. A directiva de AGAG resérvase o dereito de decidir sobre outras cuestións non previstas nelas.
Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2023
Organiza:
Co apoio de: